
É a primeira vez que Galicia se converte en sede dunha conferencia anual que reunirá a máis de cincuenta especialistas de todo o mundo para abordaren cuestións relativas á diáspora migratoria europea e á identidade cultural. O congreso contará con representantes de museos migratorios de Alemaña, Croacia, Inglaterra, Finlandia ou Francia, entre outros. Haberá un total de 35 comunicacións repartidas en sete sesións que analizarán as novas emigracións en Europa; novas migracións globais; diásporas; identidade e relixión, patróns de comportamento colectivo; transculturalismo e hibridación; museos de emigración e, finalmente, unha sesión dedicada á actual crise europea na emigración, con especial atención á crise dos refuxiados.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.