Notas de prensa

O legado de Isla Couto chega á capital de Galicia cunha exposición

A facultade de Filosofía da USC acolle ata o 21 de outubro a mostra "Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia", que pon en valor a traxectoria do académico, profesor e economista. Membro da Real Academia Galega, avogado, ensaísta e catedrático de universidade, foi un dos persoeiros fundamentais no galeguismo político, cultural e económico do século XX.

A exposición 'Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia' chega a Santiago de Compostela para difundir e poñer en valor a traxectoria dun "home que se comprometeu firmemente co proxecto común de construír Galicia e que integrou esa vontade na súa maneira de vivir". Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a apertura da mostra, á que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e que tivo lugar na sede da facultade de Filosofía da USC, onde se pode visitar ata o 21 de outubro.

“Os fitos que inzan a vida de Isla Couto aos que hoxe podemos aproximarnos nesta mostra anímannos a reflexionar neste legado”, dixo Anxo Lorenzo, que tamén tivo palabras de recoñecemento para todo o galeguismo dos tempos difíciles pola súa "constancia e a teima no seu traballo en prol da cultura e da sociedade galega".

Isla Couto

Membro da Real Academia Galega, avogado, ensaísta e catedrático de universidade, Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1915 – Vigo, 25 de abril de 2012) foi un dos persoeiros fundamentais no galeguismo político, cultural e económico do século XX. Fundador da Federación de Mocedades Galeguistas, liderou, xunto con Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, en 1950, a creación da Editorial Galaxia. Tamén promoveu a editora SEPT e dirixiu a ‘Revista de Economía de Galicia’ e a ‘Revista Galega de Estudos Agrarios’. Polo seu labor recibiu distinguidos recoñecementos, como a Medalla Castelao (1987), o Premio Trasalba (1992) e a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2001).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES