Notas de prensa

A USC abre o 21 de setembro a matrícula con descontos do 50% no Campus de Lugo coas becas da Deputación

Os prazos da matrícula nos que solicitar as prazas e os descontos do 50% en 10 titulacións no Campus de Lugo son: 21-23 de setembro, 11-14 e 19-21 de outubro. Máis información en www.deputacionlugo.gal, www.paraestudarlugo.com e www.usc.es.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicerreitor da USC en Lugo, Javier Bueno Lema, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, avanzaron a posta en marcha da campaña “Para estudar Lugo”, que promociona o Campus lugués e Lugo como cidade universitaria. Fixérono con motivo da apertura deste mércores, 21 de setembro, dun novo prazo de matrícula da USC tras as probas de selectividade de setembro. Campos Conde destacou que “simultaneamente á apertura da matrícula, dende a Deputación volvemos a ofrecer, a primeiros estudantes en 10 titulacións do Campus de Lugo, as bolsas coas que custeamos o 50% do prezo da matrícula”.

De feito, no acto tamén participaron dous dos mozos que, o ano pasado, se beneficiaron das becas do organismo provincial. Trátanse de Laura Fariña Rodríguez e Mario Gómez Novo, rapaces de Ourense e Lugo, respectivamente, que agora cursarán segundo de Enxeñería Forestal e do Medio Natural. Ambos os dous destacaron as vantaxes destas becas, pois facilitan ás familias o acceso universitario dos seus fillos ou a compra doutro material imprescindible para o curso académico. Entre o público estivo Iago Gallo, un lucense que comezará tamén a mencionada titulación e que resultou un dos beneficiados do desconto do 50% na matrícula logo do período da mesma en xullo.

Datas e titulacións

Os tres últimos prazos de matrícula da USC son: 21-23 de setembro, 11-14 outubro e 19-21 outubro. As 10 titulacións no Campus de Lugo con bolsas da Deputación son: Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Grao en Enxeñaría Civil; Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Grao en Lingua e Literatura Españolas; Grao en Ciencias da Cultura e Difusión cultural; Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos; Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas; e Grao en Administración e Dirección de Empresas. Ao mesmo tempo que se solicita a prazo nunha destas titulacións, pídese a beca da Deputación para aforrar a metade do custo da matrícula. Máis información en www.paraestudarlugo.com; www.deputacionlugo.gal e www.usc.es.

Vantaxes de estudar en Lugo

“Para estudar Lugo” pon en valor as vantaxes de estudar en Lugo. Algún deles son, apuntou o Presidente da Deputación, “a formación e a especialización que ofrece a USC lucense, a calidade de vida que ofrece a provincia luguesa ou os prezos no aluguer vivenda, que son os máis baixos de Galicia”.

Bueno Lema destacou que “o Campus Terra da USC constitúe unha alternativa universitaria moi a ter en conta polos estudantes que están a piques de comezar os seus estudos de grao porque a sede universitaria luguesa é garantía de “máxima calidade” académica e científica, ao tempo que presenta as taxas de matrícula máis baratas de todo o panorama universitario español, grazas ao plan de achegas impulsado pola Deputación Provincial de Lugo e a USC.

Méndez López fixo fincapé en Lugo como cidade universitaria e “na importancia da universidade no desenvolvemento da cidade, unha implicación que non debe quedar soamente na súa capacidade de formación ou investigación, senón que debe afianzarse en cuestións como o impulso do turismo, a capacidade cultural ou deportiva, ou a recuperación da historia. Nunca foi tan importante a universidade para Lugo. Trátase de que a mellor época da vida se viva en Lugo, que para moitos dos estudantes se convertirá na súa futura cidade”.

Primeiros froitos

“Para estudar Lugo” enmárcase no Plan de Impulso do Campus lugués, que Deputación e USC puxeron en marcha no 2013 para promocionar a universidade lucense e Lugo como cidade universitaria. à espera de coñecer os datos deste ano, que se coñecerán logo da matrícula de setembro, e avaliando, polo tanto, o número de novos estudantes do pasado curso académico, os primeiros froitos deste plan foron, entre outros, o incremento nun 10% da taxa de ocupación total da USC en Lugo ou en preto dun 20% nas 10 titulacións nas que a Deputación ofrece descontos do 50% no custo da matrícula.

Bueno fixo fincapé no fortalecemento da imaxe de Lugo como cidade universitaria, un feito obxectivo, dixo, que vén corroborado polo crecente número de programas da Universidade de Verán da USC que teñen lugar na cidade e noutras localizacións da provincia, así como polo cada vez maior número de congresos e reunións científicas que teñen como sede este campus. Basta citar o XII Congreso da Sociedade Española de agricultura Ecolóxica, que se celebra esta semana, ou as citas internacionais sobre migracións e refuxio en Europa e sobre novas perspectivas sobre a cidade romana que se celebrarán en outubro na Facultade de Humanidades

7 graos cubertos

Javier Bueno sinalou asemade que 7 títulos de grao impartidos no Campus Terra da USC (Veterinaria, Enfermaría, Nutrición e Dietética, Mestre en Educación Infantil, Mestre en Educación Primaria, así como os dobres graos de Mestre en Educación Infantil e Primaria e en Enxeñaría Agrícola, Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural) xa teñen cuberta ao 100% a súa oferta de prazas de novo ingreso.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2016-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-ouyeah-2026.jpg) A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.
Foto de la tercera plana (emprego_4.jpg) Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.

Notas

Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e tamén como se repara o cerebro.
Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES