Notas de prensa

17 novos talentos galegos e foráneos protagonizan o Festival Peregrinos Musicais 2016

O encontro internacional celebra a súa sexta edición cun programa de cinco concertos do 19 ao 23 de setembro en Santiago de Compostela, promovido pola Asociación Peregrinos Musicais co apoio de Cultura e Educación, o festival ten como obxectivo impulsar o lanzamento internacional destas promesas da música clásica.

O Festival Internacional Peregrinos Musicais reúne en Santiago de Compostela, entre o 19 e o 23 de setembro, un total de 17 promesas da música clásica, 12 deles de Galicia e, os outros cinco, procedentes dos Países Baixos, de Rusia e de Estados Unidos, con idades comprendidas entre os 12 e os 21 anos.

A sexta edición desta iniciativa –promovida pola Asociación Peregrinos Musicais, coa colaboración da Xunta de Galicia, e que contará tamén con músicos de renome internacional– ofrecerá cinco concertos nos principais escenarios da capital galega, no marco dunha programación que foi presentada esta mañá en rolda de prensa coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da directora artística do festival, Ilona Timchenko; da concelleira Acción Cultural de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; e da xerenta do Consorcio de Santiago, Belén Hernández Lafuente.

Impulsar a traxectoria dos novos talentos

O Festival Internacional Peregrinos Musicais, que conta desde a súa primeira edición co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, constitúe “unha grande oportunidade para favorecer o lanzamento internacional dos novos talentos galegos e tamén de diferentes países do mundo da música clásica, que se dan cita en Santiago de Compostela, na meta da ruta xacobea, para relanzar a súa ‘peregrinaxe’ artística”, afirmou Anxo Lorenzo, ao tempo que salientou esta cita como unha ocasión para reforzaren a súa formación, para conviviren con outros rapaces e rapazas que comparten a súa vocación e para lle daren a coñecer ao público a súa excelencia musical.

Anxo Lorenzo amosouse convencido de que a participación no festival lles abrirá novas portas na súa traxectoria musical e puxo como exemplo a frautista compostelá Iria Castro, “ex peregrina musical”, que nesta edición do certame será a protagonista convidada do concerto ‘Mestres e laureados’, o 20 de setembro no Teatro Principal, no que compartirá escenario cos prestixiosos músicos José Luís Estellés (clarinete) e Ilona Timchenko (piano).
Novidades destacadas

Como novidade destacada este ano, e dada a participación de varios pianistas que representan escolas moi diferentes, o festival programará o 21 de setembro, o concerto “Pianismo, pianismo”, que abarcará diferentes estilos e obras mestras para piano. Esta actuación será no Teatro Principal, escenario tamén do concerto inaugural do festival o próximo 19 de setembro.

Na súa sexta edición, o Festival Peregrinos Musicais volve contar unha vez máis cun excepcional nivel artístico e cos principais escenarios da capital galega para as súas actuacións, que culminarán cun concerto de clausura no Auditorio de Galicia coa Real Filharmonía de Galicia.

Ademais, tampouco faltará o especial concerto de música clásica na catedral de Santiago, con entrada libre para todas as persoas asistentes, onde os protagonistas serán os mozos e mozas que participan nesta edición. No resto de concertos programados, os menores de 18 anos non terán que pagar entrada.

Malia que comezou como un intercambio entre Rusia e Galicia, o festival converteuse definitivamente, co paso das edicións, nun evento transcontiental, polo que xa pasaron participantes de países como Alemaña, Armenia, Bielorrusia, Estados Unidos, Xeorgia, Holanda e Rusia.

Os protagonistas do festival

Os 17 peregrinos musicais seleccionados nesta sexta edición do festival, que representan o maior nivel de excelencia profesional dentro da música clásica, son Beatriz Leonardo Braña, acordeón (12 anos), de Cedeira; Miguel Iglesias Lista, piano (14 anos), Arteixo; Carlos Julián Fernández Bollo, piano (15 anos), Mugardos; Anxo Fernández Arias, fagot (15 anos), Lugo; Estrela Fernández Arias, frauta traveseira (19 anos), Lugo; Jaime Estévez Moreira, saxofón (15 anos), Baiona; Marina Hermida Rodríguez, violín (16 anos), Pontevedra; Diego Basadre Cabanas, saxofón (18 anos), Lugo; Irene Parada Gómez, frauta traveseira (19 anos), Vigo; Artur Carballo Álvarez, clarinete (20 anos), Culleredo; Estefanía Cereijo Omil, piano (21 anos), Bueu; Nerea Rodríguez Núñez, acordeón (23 anos), Pontevedra; Eric Mirzoyan, clarinete (14 anos), Rusia; Carrie Chen, piano (14 anos), Estados Unidos; Philip Rudenko, piano (14 anos); Rusia; Polina Senatulova, violín (15 anos), Rusia; Ramon Van Engelehoven, piano (21 anos), Holanda.

Anxo Fernández Arias e Estrela Fernández Arias formarán o dúo Nannerl, e Marina Hermida Rodríguez e Nerea Rodríguez Núñez participarán como dúo co nome de Fírveda.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES