Notas de prensa

O Centro Coreográfico Galego estrea As catro estacións no Teatro Colón

O Teatro Colón da Coruña acolle o venres 9 de setembro a estrea de As catro estacións a cargo do Centro Coreográfico Galego (CCG), un espectáculo contemporáneo sobre a música de Antonio Vivaldi con coreografías de Iker Gómez e Kenneth Tindall. O espectáculo viaxará a Vigo, Rianxo, Vilagarcía, Ourense, O Barco, Pontevedra e Santiago.

O Teatro Colón da Coruña acolle a estrea de ‘As catro estacións’ a cargo do Centro Coreográfico Galego (CCG), un espectáculo contemporáneo sobre a música de Antonio Vivaldi con coreografías de Iker Gómez e Kenneth Tindall. O escenario coruñés ofrecerá as dúas primeiras funcións da montaxe este venres e o sábado ás 20:30 horas, para emprender despois unha serie de representacións que levarán á compañía a Vigo, Rianxo, Vilagarcía, Ourense, O Barco, Pontevedra e Santiago de Compostela.

A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, asume a dirección desta nova produción co obxectivo de continuar a difundir a danza entre o gran público. Para isto, propón desta volta unha recreación da popular obra de Vivaldi, coa que se establece un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías deseñadas e das imaxes que se proxectan no escenario.

As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e mais os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións para interpretar esta última creación da unidade de danza dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Música universal e creadores actuais

A estrea foi presentada hoxe na Coruña polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen expresou a montaxe supón unha nova oportunidade para difusión e a defensa da danza en Galicia, así como o avance nas liñas emprendidas polo CCG con producións anteriores como ‘Quebranoces’ ou ‘A bela adormecida’, “xuntando –dixo– a mellor música universal cos mellores coreógrafos, bailaríns e bailarinas actuais”.

“Así nace este novo proxecto artístico, que se enfoca desde a perspectiva dunha compañía pública e coa dobre finalidade de acadar a exhibición artística de maior calidade, ao tempo que se procuran novos espectadores para a danza”, declarou.

Tamén destacou que despois do éxito da que foi a última produción realizada, ‘Full House’, a cargo do director sueco Johan Inger, chega ‘As catro estacións’ como un proxecto de rexistro moi diferente co que se dá testemuña, ademais, da versatilidade e as posibilidades creativas do Centro Coreográfico Galego.
Traballo compartido

No acto participaron tamén Mercedes Suárez e os coreógrafos convidados: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle. Os tres explicaron o proceso de traballo realizado durante os dous meses anteriores na sede do Centro Coreográfico e nos últimos días como residencia artística no Teatro Colón.

Gómez asina as variacións correspondentes a Primavera e Inverno, en tanto que Tindall asumiu as de Verán e Outono. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo por persoal propio do CCG.

Xira por oito escenarios

Despois da súa estrea no Teatro Colón da Coruña, ‘As catro estacións’ visitará outros escenarios galegos, como o Teatro Afundación de Vigo (24 de setembro), o Auditorio Municipal de Rianxo (28 de outubro), o Auditorio Municipal de Vilagarcía (12 de novembro), o Auditorio Municipal de Ourense (19 de novembro), o Auditorio Municipal do Barco de Valdeorras (25 de novembro), o Pazo da Cultura de Pontevedra (26 de novembro) e o Salón Teatro de Santiago (1, 2 e 3 de decembro).

As entradas para asistir ás funcións da Coruña están á venda na billeteira electrónica de Ataquilla, no despacho do Teatro Colón os días do espectáculo de 12.00 a 14 e a partir das 17:00 horas, na sede Afundación A Coruña ata o sábado de 9.00 a 21.00 horas e na billeteira central da praza de Ourense ata o venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES