
Nesta proposta gastronómica participan o Hostal San Telmo cun costelar de cordeiro, polo á mel e o prato peras ao viño. O Pote elaborará pasteis de mazá e boliños de pasas, piñóns e mazá, xunto con viño quente que precisa a Garda da Noite. Pola súa parte, Vai de Garcías preparará o almorzo do muro, pauciños de peixe e bolos de millo doce, xunto coas exóticas pasta de garavanzo e follas de parra recheas.
Arrancou oficialmente o I Festival da Historia Arraiana: Arraianos 2016 cun desfile no que participou a científica tola que levou a Tui á Idade Media co seu erro ao construír unha máquina do tempo. A inauguración oficial rematou na Praza de San Fernando co convite a tudenses e visitantes a participar neste festival que até o domingo levará a Tui 1.000 anos atrás no tempo con representacións históricas, visitas guiadas, mercado e gastronomía medieval.
Celébranse as conferencias na aula UNED de Tui baixo o epígrafe de Patrimonio Medieval e Idade Media. Esta tarde os actos teatrais comezarán ás 19:00 na Praza de San Fernando coa recreación histórica da tentativa de invasión portuguesa a comezos do século XII e a posterior firma do Tratado de Tui. Á noite, o banquete medieval con espectáculo e ambientación permitirá repoñer forzas aos asistentes para rematar co espectáculo de danza aquelarre ás 23:00 e a exhibición de lume e bruxería noite de curuxas ás 0:30 horas. Ambos eventos na Praza de San Fernando, epicentro do festival.
Amais, até o domingo 04 de setembro, ao longo do núcleo histórico haberá mercado con venda de artesanía e produtos gastronómicos. Tódalas tardes a partires das 19:00 ábrense os postos das Receitas de Poñente con tapas inspiradas nos libros de George R. R. Martin, Xogo de Tronos.
O sábado medieval comeza ás 11.00 horas coa proba da Conquista do Miño, na que os participantes, ataviados con vestimenta de época, deberán recuperar panos de cores en diferentes zonas do Miño a bordo do seu kaiak. O percorrido irá da praia de Areeiros de Guillarei até o Centro Interfederado. A venda de entradas anticipadas e limitadas pode facerse a través de [email protected]
A Praza de San Fernando acollerá unha voda medieval co cortexo, casamento e banquete nupcial. Á noite toma a testemuña o Survival Zombie Medieval. Trátase dun evento inédito que por primeira vez estará inspirado nun apocalipse zombi. Os máis de 1.000 participantes que se esperan deberán realizar unha xincana ou rastrexo para loitar por sobrevivir namentres seguen as pistas indicadas e logran non infectarse.
O festival remata o domingo con diferentes espectáculos, amais de mergullarse na historia medieval de Tui con diferentes recreacións históricas e visitas guiadas.
Ás 12:30 terá lugar o espectáculo de danza campesiñas da man da Escola de Danza Paula Cobián na Praza de San Fernando. A actividade trasladarase á Praza de San Telmo ás 14:00 coa representación dun xantar medieval animado coa música de gaitas da Asociación Cultural Arume de Malvas. Ás 17:00 organízase unha visita guiada que comezará na igrexa de San Bartolomé e que contará con cinco paradas nas que ademais das explicacións pertinentes os actores que acompañan a ruta farán representacións dalgúns dos fitos e anécdotas mais importantes da época. Ademais da igrexa de San Bartolomé, haberá representacións na igrexa de Santo Domingo, na Praza da Estrela, na rúa das Adegas e na Catedral.
As últimas actividades do día terán lugar na Praza de San Fernando. Ás 20:00 celebrarase un espectáculo de danza, ás 21:15 terá lugar a recreación dun combate medieval e a noite rematará ás 23:30 co espectáculo os gardiáns da mandrágora.
Fotografía e máis información: http://festivalarraianos.blogspot.com.es/
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.