Notas de prensa

O Centro Dramático Galego inicia os ensaios de TARTUFO, baixo a dirección artística de Carles Alfaro

A versión galega desta coñecida comedia de Molière estrearase o 23 de setembro no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata mediados de outubro para iniciar a continuación unha xira que se prolongará ata finais de ano. Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres conforman o elenco elixido nun proceso público de selección.

O equipo artístico e técnico do espectáculo ‘Tartufo’, a produción propia coa que o Centro Dramático Galego (CDG) abrirá a súa temporada 2016-17, acaba de iniciar os ensaios cara á estrea que terá lugar o 23 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Para a posta en escena desta versión galega da coñecida comedia de Molière, a compañía da Xunta de Galicia conta co director Carles Alfaro, fundador da compañía Moma Teatre, quen ten dirixido numerosas montaxes para outros centros públicos de produción como Teatro de La Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Zarzuela, Teatro Español en Madrid, Teatro Nacional de Catalunya ou Teatre Lliure, entre outros.

Xunto a el traballan xa na sede do CDG os 10 actores e actrices elixidos tras a convocatoria dun proceso público de selección no que participaron máis de 230 candidatos. Neste elenco figuran tanto novos talentos como nomes moi coñecidos da nosa escena: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Forneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Sáa e Patricia Torres.

Equipo artístico:
Carles Alfaro está acompañado, ademais, dun equipo artístico formado por Baltasar Patiño na escenografía, Diego Valeiras no deseño de vestiario, Anxo Graña na composición musical, Loli Ramos na tradución do texto de Molière e Vanesa Sotelo na asistencia de dirección; así como do equipo técnico do Centro Dramático Galego.

Con ‘Tartufo’, o Centro Dramático Galego incorpora a seu repertorio outro dos grandes clásicos da dramaturxia universal. Trátase dunha comedia de enredos que, pese á súa aparente lixeireza, posibilita unha segunda lectura sobre o peso das aparencias e o risco de confundir hipocrisía con honestidade.

O novo espectáculo do CDG poderá verse na súa sede do Salón Teatro ata o 16 de outubro, data a partir da que iniciará unha ampla xira que se estenderá ata finais de ano.

Centro Dramático Galego, 2016-08-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES