Notas de prensa

Manzaneda, lugar de encontro e referencia do mundo da Gaita galega

Durante os días 30 e 31 de xullo, o municipio ourensá de Manzaneda acolle a celebración da VII edición do “Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas – I Encontro Infantil”. Inclúe a celebración da Noite Celta coa actuación de Óscar Ibáñez (Trío), Cantareiras da Real Banda, Real Xuvenil e Lapsus Gaita.

A VII edición do “Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas – I Encontro Infantil” será un ano máis no municipio de Manzaneda, o lugar de encontro e de referencia para o mundo da gaita, durante os días 30 e 31 de xullo. A presentación desta tradicional celebración tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, o alcalde do Concello de Manzaneda, David Rodríguez; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e o director xeral de Oca Nova Manzaneda, Gustavo Samartín.

Rosendo Fernández explicou que esta edición conta con novidades importantes “como a celebración do primeiro encontro infantil; ou a noite celta, que compaxina a simbiose de música e natureza, que ofrece forza telúrica e espiritual a noite de Manzaneda”.

O deputado provincial de Cultura destacou o carácter identitario da cornamusa ao afirmar que “falar da gaita é falar de Galicia”, e engadiu, “cando se fala de música, a Real Banda de Gaitas está presente aquí e en todo o mundo”. Asemade salientou a importancia da “cooperación” para poder desenvolver este tipo de iniciativas.

O programa da celebración comeza o día 30 de xullo, ás 22.00 horas coa celebración da Noite Celta, onde actuarán Óscar Ibáñez (Trio), Cantareiras da Real Banda, Real Xuvenil, e Lapsus Gaita. Ao día seguinte, o 31 de xullo, comezan as actuacións ás 11.00 horas na categoría Senior, na que interveñen seis grupos, e seguidamente, ás 11.40 horas, terán lugar as actuacións infantís que rematarán cun concurso de gaiteiros solistas. Posteriormente, celebraranse as actuacións de 2º Grao e 1º Grao, e a xornada finalizará coa entrega de diplomas e medallas.

“Este certame de referencia na historia da gaita e que levamos a celebrar desde fai 30 anos, naceu con Don Gabino García, alcalde de Manzaneda, e mantívose no tempo grazas á sensibilidade da xente co mundo da cultura”, asegurou Xosé Lois Foxo.

Esta sétima edición do certame ten unha nova dimensión, “esta é a fase final do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e Encontro Infantil, con dúas partes, unha competitiva para as Bandas máis profesionais, e outra educativa para grupos de nenos, polo tanto, enfocamos este evento dunha maneira máis didáctica e instrutiva. Haberá seis xuíces instrutores que emiten uns informes construtivos, para axudar no comportamento dos rapaces e tamén desde o punto de vista musical”, explicou o director da Escola de Gaitas.

O alcalde de Manzaneda agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e das diferentes entidades para poder levar a cabo este certame, e animou á xente “a asistir a este evento no cumio de Galicia e gozar do noso instrumento por excelencia”, dixo David Rodríguez.

O director de Oca Nova Samartín sinalou que este certame que nesta edición inclúe o encontro infantil “auna cultura e entretemento, características que tamén aglutina a Estación de Manzaneda”.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense, 2016-07-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES