
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inaugurou na Fundación Eugenio Granell en Santiago a nova iniciativa Pop Up coa que a Xunta, a través de preto de 200 produtos de 46 talleres de toda a Comunidade, pretende impulsar o coñecemento da marca Artesanía de Galicia, así como o traballo que desenvolven os oficios tradicionais galegos. Este espazo cultural, que estará aberto ao público durante o mes de agosto, enmárcase dentro da programación Artesanía de Galicia. O teu camiño, un proxecto que inclúe obradoiros para profesionais e para todos os públicos en xeral, exposicións e demostracións e visitas a preto de 40 talleres e tendas de Santiago.
Conde destacou que este novo espazo cultural aberto na sede da Fundación Granell converterase ata o 21 de agosto no maior expoñente da artesanía galega con preto de 200 pezas -das que máis da metade son produtos exclusivos para este Pop Up- que representan a 19 oficios artesáns (madeira, olería, cerámica, cestería, redeiras, vidro, esmaltes, coiro, encaixe, téxtil, complementos de moda, instrumentos musicais, traxes tradicionais, xoiería, bixutería, figuras de pan, encadernación, manipulación de papel e ferrería). Ademais, o local da Fundación Eugenio Granell, que acolle este espazo artesán, foi ambientado por técnicos creativos co obxectivo de recordar, a través da escenografía escollida, a vida nun peirao, reutilizando madeiras recollidas en estaleiros.
A mostra Pop Up desenvolverase durante dous meses co reto de achegar a artesanía galega tanto á sociedade santiaguesa como ás persoas que visitan a cidade, con especial atención aos peregrinos. De feito, durante 2015, máis de 262.000 persoas de 179 países acudiron á Oficina do Peregrino, unha cifra que pode mellorarse este ano, superando incluso o mellor rexistro que data de 2010, pois no primeiro trimestre de 2016 xa se contabilizaron máis de 100.000 peregrinos.
A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño pretende con esta proposta dar a coñecer a importancia dos produtos elaborados a man, tendo en conta a súa exclusividade, o respecto ao medio ambiente e a herdanza cultural. Entre todos, estamos a sumar esforzos para poñer en valor e achegar a artesanía galega, ao tempo que se colabora coa súa comercialización para que a artesanía poida seguir crecendo, destacou Conde.
Artesanía de Galicia. O teu camiño contará cunha ducia de actos. Así, ademais do Pop Up, organízanse a partir de mañá sete obradoiros para toda a familia (manipulado de papel, torno cerámico, cestaría con papel reciclado, escultura en vimbio, cestería tradicional, gravado e elaboración de zocos) e tres máis que se celebrarán en agosto e setembro e que están dirixidos a profesionais (encadernación copta, ourivería e deseño de espazos expositivos); dúas exposicións, Auga e Artesanía de Galicia para vivir o século XXI, que combinarán o bo facer dos artesáns galegos coa creatividade de estudos de deseño, e que poderán visitarse do 9 ao 22 de agosto.
Esta iniciativa tamén conta coa participación do sector artesán de Santiago. Serán preto de 40 talleres artesanais e establecementos coa marca Artesanía de Galicia, que organizarán visitas guiadas e promocións para que todas as persoas interesadas poidan coñecer máis polo miúdo o seu traballo e as súas obras.
Cifras do sector e internacionalización
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou que o sector artesán galego está crecendo nos últimos anos, contando na actualidade con máis de 500 talleres artesanais, un 19% máis que en 2012, e preto de 3.000 artesáns, o que supón un incremento do 8% con respecto a fai catro anos. Estas cifras validan, segundo destacou Conde, a aposta da Xunta por axudar ao sector para mellorar a súa competitividade, dotar á artesanía galega de marca diferencial e impulsar a súa innovación e internacionalización.
Neste sentido, está previsto que visite o Pop Up de Artesanía de Galicia. O teu camiño Takanao Muramatsu, presidente de HP France, empresa que conta con 90 tendas en Xapón dedicadas á decoración, a moda e o arte, e que tamén distribúe os seus produtos en Francia e Estados Unidos.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.