Notas de prensa

Monumenta convida a camiñar para descubrir e vivir o patrimonio cultural galego

“Andar con arte” organiza oito andainas do 30 de xullo ao 27 de agosto, con convidados expertos en diferentes áreas como a arquitectura, a arqueoloxía, a xeografía, a xeoloxía ou a arte. Igrexas, muíños, castros, fortalezas e vías romanas son protagonistas da cuarta edición do ciclo que percorre varios concellos galegos.

O ciclo Monumenta da Consellería de Cultura e Educación celebra do 30 de xullo ao 27 de agosto unha nova edición baixo o título “Andar con arte”, que fai referencia a un conxunto de actividades que nos achegan ao patrimonio cultural –sexa arquitectónico, artístico ou mesmo inmaterial– desde a propia acción de camiñar para coñecer”. Así se referiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, á programación do ciclo deste ano, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa na Cidade da Cultura coa participación tamén da directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, e do coordinador da iniciativa, Julio Gómez.

Explorar desde o camiñar

“Xa é o cuarto ano –recordou Anxo Lorenzo– que desenvolvemos esta programación, cunha idea de facilitar rutas culturais por Galicia dun modo pausado, compartido e acompañado de voces especialistas que nos abren os ollos aos aspectos máis diversos”. Segundo precisou, “a medida que o ciclo vai medrando, foi gañando neste aspecto de explorar desde o camiñar, que é probablemente a maneira máis elemental de vivir o propio territorio e tamén a que ofrece o ritmo axeitado para gozar de todas esas descubertas integradas na paisaxe, sexa rural, sexa urbana.

Igrexas, muíños, castros e vías romanas, que se relacionan co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística, son algunhas das propostas do ciclo para esa descuberta do patrimonio cultural galego, “co fin de espertar a curiosidade por esta riqueza que temos e que debemos coñecer para poder apreciala e contribuír a conservala”, asegurou a directora xeral, que destacou a riqueza de Galicia en canto a “elementos patrimoniais de altísimos interese histórico, artístico, paisaxístico, cultural e, naturalmente, social e identitario”.

Propostas variadas para coñecer o patrimonio

As propostas da nova edición de Monumenta son moi variadas e abranguen patrimonio marítimo, patrimonio de fronteira –tanto da raia con Asturias como con Portugal–, patrimonio industrial, patrimonio viario etc. A primeira das xornadas, o 30 de xullo, propón unha descuberta desde o contorno privilexiado da ría de Ferrol. A través dun paseo que ten como meta o castelo de San Felipe, a andaina afondará no patrimonio marítimo dos portos, os sinais marítimos, a hidrotoponimia e as fortalezas militares.

O patrimonio industrial dos vales do Ulla-Limia centrará a segunda sesión do ciclo, o 6 de agosto, que porá en valor a tradición fabril desde a Idade Moderna ata a época contemporánea coa visita a algúns complexos industriais situados no concello de Caldas de Reis. Ao día seguinte, o 7 de agosto, Monumenta chegará á Fonsagrada, onde, ademais da da importancia do antigo concello da Pobra do Burón (extinto no ano 1835) e da arquitectura da zona, como a igrexa barroca de Santa María, a súa famosa torre de Altamira ou do castelo de Burón, tamén abordará as fundacións hospitalarias para peregrinos.

A cuarta edición do ciclo Monumenta tamén se deterá, o 15 de agosto, no patrimonio industrial e na xeoloxía da Ribeira Sacra, cunha andaina que percorrerá o canón escarvado polo río Mao no granito e que incluirá a canle construída en 1916 para fornecer auga ás turbinas da central hidroeléctrica de Escalada.

Salinas, paisaxes, fortalezas e mosteiros

A seguinte parada será o 20 de agosto, nos concellos ourensáns de Rairiz de Veiga e Bande, cunha andaina para compartir contos e historias da raia no Parque Natural do Xurés e para descubrir os elementos máis interesantes do itinerario romano da Vía Nova. A seguir, o 21 de agosto, Monumenta percorrerá os camiños do sal para se deter nas salinas do Ulló, no concello pontevedrés de Vilaboa, construídas no século XVII e que, xunto coa marisma, constitúen unha contorna de incalculable valor ecolóxico e de gran beleza paisaxística. A andaina tamén incluirá un dos poucos exemplos de muíño de mareas.

NotaFinalmente, na última fin de semana de agosto, o día 27 transcorrerá pola senda do río Miño desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras. A través dos restos patrimoniais na fronteira natural e política con Portugal, como a fortaleza de San Lourenzo, Monumenta afondará nas relacións entre ambos os dous territorios, na pegada do contrabando e mais na pesca tradicional do Miño. Ao día seguinte, o 28 de agosto, Monumenta pechará a súa cuarta edición cunha xornada centrada na conexión de Monforte de Lemos con Castela e Nápoles no século XVI. A andaina final percorrerá un dos patrimonios renacentistas máis singulares de Galicia: o mosteiro e a igrexa de San Vicente do Pino, o colexio de Nosa Señora da Antiga e o convento das Clarisas.

Convidados expertos en diferentes áreas como a arquitectura, a arqueoloxía, a xeografía, a xeoloxía ou a arte, participarán na cuarta edición do ciclo Monumenta co fin de axudar a entender outras particularidades e valores dos diversos aspectos do patrimonio material e inmaterial de Galicia.
Actividades con inscrición previa

Algunhas das actividades do ciclo Monumenta requiren inscrición previa nun prazo determinado e o pago da entrada nalgúns edificios privados será por conta dos participantes. A información completa do ciclo pode consultarse na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia, en www.cultura.gal e en https://galiciamonumenta.wordpress.com/

A valoración social do patrimonio

A Consellería vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. “A finais deste mes –anunciou Anxo Lorenzo– presentaremos a nova edición do ciclo Espazos Sonoros, de músicas en espazos destacados do patrimonio, e seguimos apoiando tamén diferentes ciclos musicais que dinamizan os espazos históricos de distintas vilas, como son os ciclos de órgano de Celanova ou o de música relixiosa de Barcia de Mera”.

“Pero é certo que a singularidade do formato de Monumenta nos permite ter toda unha serie de informacións e experiencias compartidas que desde a Consellería de Cultura e Educación valoramos como moi positivas socialmente, tanto desde a perspectiva de favorecer o coñecemento, o aprecio e, por tanto, a implicación social na conservación deses bens, como desde a perspectiva de favorecer unha oferta cultural e de ocio saudable”, concluíu o secretario xeral.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES