Notas de prensa

O tren de luxo Al-Andalus realiza un percorrido pioneiro entre Madrid e Compostela

Tamén o tren do Viño do Ribeiro - Rías Baixas realiza a primeira viaxe da nova tempada de Galicia a todo Tren que inclúe a Ruta dos Faros, do Viño das Rías Baixas e do Viño da Ribeira Sacra cunha ocupación do 100%. A oferta complétase co Galicia Rail Pass e coas propostas específicas para peregrinos e para visitar os balnearios galegos.

Partiu de Ourense a primeira viaxe do tren pola Ruta do Viño do Ribeiro - Rías Baixas, un dos nove itinerarios temáticos que este verano percorrerán Galicia no marco da cuarta edición do programa de trens turísticos "Galicia a todo tren”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, RENFE e Deputación de Ourense a través do INORDE.

Nesta nova edición do "Galicia a todo tren” increméntase a oferta global en 84 prazas grazas aos bos resultados obtidos na edición anterior, na que se obtivo unha ocupación do 87%, superando os 2.200 pasaxeiros, fronte aos 600 da primeira tempada, e cun incremento de cinco puntos porcentuais con relación a 2014.

Ademais, este verán póñense en marcha dúas novas rutas, a “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”, que se unen ás sete existentes: a dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo; a dos Pazos e Xardíns Históricos, entre Santiago e Vigo; e as cinco Rutas do Viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, territorios nos que se producen os viños galegos con denominación de orixe.

Desta maneira, en distintas datas entre xuño e outubro de 2016, un total de nove trens turísticos percorrerán outros tantos itinerarios temáticos. Cada unha das rutas pode realizarse nun día e, ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias como paseos en catamarán e o acceso e as visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos.

A oferta deste programa compleméntase, un ano máis, co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.

Ademais, este ano Santiago recibirá a visita do tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Al-Andalus. Será a primeira vez na historia que este convoi viaxe entre Madrid, a comunidade autónoma española de onde procederon máis peregrinos en 2015, e Santiago de Compostela, meta xacobea. O tren realizará unha viaxe en xullo e outra en agosto, marcando un fito histórico de gran importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago.

Trens en funcionamento hoxe

O tren da Ruta do Viño do Ribeiro – Rías Baixas realiza hoxe a súa primeira viaxe desta tempada partindo de Ourense para visitar o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Arabo”, a adega Marqués de Vizhoja, o Túnel do Viño e o conxunto histórico medieval de Ribadavia, o mosteiro de San Clodio, o castro de San Cibrao de Las e o seu Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa e os espazos museísticos da estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, que son concretamente o Museo do Traxe e o Museo do Automobilismo.

Doutra banda, esta mañá os viaxeiros tamén podían subirse ao tren da Ruta dos Faros, que xa estivo en funcionamento os sábados 11, 18 e 25 de xuño e 2 de xullo. Este percorrido parte de Ferrol e avanza polos sitios máis destacados da costa norte galega. O convoi descubre lugares significativos como Cabo Ortegal, o mirador de Vixía Herbeira, o santuario de Santo André de Teixido, o Cabo de Estaca de Bares ou a Praia das Catedrais. Pódese escoller iniciar a ruta en autobús dende A Coruña, incluíndo despois o regreso, e visitando o exterior da Torre de Hércules, o faro romano máis antigo en funcionamento e declarado Patrimonio da Humanidade.

Así mesmo, hoxe tamén se podía realizar o percorrido no tren da Ruta do Viño das Rías Baixas, que iniciou a súa andadura nesta edición o pasado 25 de xuño. Ten saída dende Santiago de Compostela e visita a adegas Martín Códax, en Vilagarcía, e a do Pazo de Fefiñáns, en Cambados. A maiores, ofrece a posibilidade de realizar un paseo polo centro desta última cidade e un percorrido en barco pola Ría de Vigo e a Illa de San Simón.

Outro itinerario dispoñible é o do tren da Ruta do Viño da Ribeira Sacra tren turístico Aba Sacra, que xa estivo en funcionamento o 11 e o 25 de xuño. Este tren parte da estación de tren de Ourense para realizar un percorrido turístico pola Ribeira Sacra. A ruta inclúe unha visita á adega Regina Viarum, ao Centro de Interpretación do Viño en Monforte de Lemos, un paseo en catamarán polo río Sil e a visita tanto ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil como á Aula do Ferrocarril dos Peares.

As catro rutas dos trens turísticos desta fin de semana contan cunha alta ocupación viaxando completos os trens da Ruta dos Faros, a Ruta do Viño das Rías Baixas e a Ruta do Viño da Ribeira Sacra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-07-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES