
O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco González Sarria, e o representante da demarcación de Santiago Xaime Leiro reuníronse co alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega. Na xuntanza, estudouse a posibilidade de accións conxuntas como o desenvolvemento de obradoiros de xornalismo nas escolas, a realizar por profesionais desempregados, e a posta en marcha dunhas xornadas sobre publicidade institucional.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia trasladou ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a posibilidade de desenvolver un programa de obradoiros nos colexios públicos da capital de Galicia a realizar por xornalistas desempregados. O rexidor compostelán foi receptivo a esta proposta, que estudará en breve o equipo de goberno.
Ambas as dúas institucións manifestaron o seu interese en promover neste 2016 unhas xornadas sobre publicidade institucional. A Xunta de Goberno do CPXG e o alcalde de Santiago comprometéronse a manter un novo encontro á volta do verán para afondar nestas e noutras propostas.
A xuntanza serviu tamén para presentar a nova Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas e o intercambio de reflexións sobre o exercicio da profesión.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.