
A Casa Museo de Rosalía incorpora dúas pezas de gran valor vinculadas coa familia Murguía Castro. Trátase do piano da familia, que xunto con outros mobles e obxectos acaba de deixar en depósito a Coral Follas Novas da Coruña, e do cadro Árbore de montaña, de Ovidio Murguía, restaurado recentemente polo Museo de Belas Artes da Coruña.
As pezas foron presentadas na Casa da Matanza, en Padrón, polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen asegurou que dentro do patrimonio vinculado a Rosalía existen toda unha serie de elementos que contribúen a entender e a situar a súa figura, e que a Fundación Rosalía de Castro vén protexendo e acollendo desde que Mosquera Pérez, Manuel Beiras e algúns outros adquiriran no ano 1947 a casa familiar de Padrón e iniciaran así o labor de recuperación e posta en valor da súa obra e da súa personalidade.
Dado o interese e a responsabilidade da Consellería na preservación e conservación do patrimonio galego, tamén destacou Anxo Lorenzo o importante apoio que desde o Goberno galego se lle vén ofrecendo á Fundación Rosalía de Castro e que fixo posible tanto a restauración do cadro de Ovidio Murguía, como do piano; un apoio que tamén abrangue a restauración da propia casa e a adecuación da súa musealización.
O piano, que foi restaurado por Luís Ares e Ascensión de Vicente coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, fora doado por Gala Murguía a filla máis lonxeva de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, xunto cun espello recibidor tremont e outros obxectos á Coral Follas Novas, que agora llos cede en depósito á Fundación Rosalía de Castro.
O presidente desta entidade, Fernando Sandino, tamén participou no acto de presentación das pezas, xunto con Luís Ares e Laura Carrera, técnica do Museo de Belas Artes da Coruña que se encargou da restauración do cadro de Ovidio Murguía, talvez o de maior tamaño realizado polo fillo pintor de Rosalía. A obra, que se titula Árbore de montaña está datado en 1899, un ano antes da morte do autor, que o pintou durante a súa estancia en Madrid, seguindo os esquemas da pintura de paisaxe realista europea do século XIX.
O piano da familia Murguía Castro volveu soar na Casa da Matanza ao remate da presentación, da man da pianista e musicóloga Margarita Viso, que interpretou varias pezas. Este piano permite afondar na dimensión musical da obra da autora máis universal da literatura galega, ela mesma instrumentista, e cunha creación literaria que non se pode concibir sen o influxo da música.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.