
O profesor de sueco e tradutor, entre outras obras, da saga Millenium de Stieg Larson, Martin Lexell, participa este martes nunha xornada sueca que organiza o Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC no marco do curso intensivo de verán de sueco cuxa matrícula remata este xoves 30.
Nesa sesión, que dará comezo ás 17 horas no Café de Linguas do CLM na Biblioteca Concepción Arenal, Lexell conversará cos asistentes sobre a transmisión da cultura sueca ao español.
A mesma xornada inclúe unha fika, a tradicional pausa do café en Suecia, con kanelbullar (bolos de canela), e unha clase piloto do idioma sueco.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.