
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron o Colexio de Educación Infantil e Primaria de San Cosme, en Barreiros, con motivo do desenvolvemento da iniciativa Un caderno no Camiño, un conxunto de actividades dirixidas a alumnos de primeiro ciclo de primaria e baseadas na realización da Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.
Nava Castro subliñou a importancia deste proxecto para que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación e a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.
A actividade desenvolverase en escolas de 10 municipios galegos polos que transcorren diferentes itinerarios da Ruta Xacobea, concretamente nos concellos de Barreiros, Abadín, Begonte e Mondoñedo, en canto ao Camiño do Norte; en Guntín, Baleira e Friol, no Camiño Primitivo; en Laza, na Vía da Prata; en Arzúa, no Camiño Francés; e en Ordes, no Camiño Inglés.
Descrición da iniciativa
O proxecto Un caderno no Camiño inclúe unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño e dous cadernos de actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.
O libro interactivo conta a historia de Sophie e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia, costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información adicional.
O caderno de actividades dirixido aos alumnos amplía os contidos do libro con documentación sobre recursos culturais, artísticos, patrimoniais, gastronómicos e naturais dos lugares polos que pasan os peregrinos na realización do Camiño. Pola súa parte, o caderno para docentes propón diferentes traballos para realizar cos alumnos na aula.
Datos récord no número de peregrinos
Nava Castro enxalzou que a cifra de peregrinos que chegan a Compostela é cada vez maior, contabilizándose no que vai de ano preto de 80.000 peregrinos, un 7% máis que no mesmo período do ano pasado.
A directora de Turismo de Galicia explicou que no ano 2015 xa se batera un máximo histórico nun ano non santo ao contabilizar 262.515 peregrinos, un 10,31% máis que os que chegaron en todo 2014.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.