
Trátase da principal cita mundial para os profesionais deste sector cinematográfico, que este ano congrega unhas 8.250 persoas chegadas de 83 países.
A longametraxe Memorias dun home en pixama, que están a desenvolver en coprodución a compañía galega Ladybug Films e a catalá Dream Team Concept, presentouse esta mesma mañá como parte dos MIFA Pitches, programa de pitching do mercado do festival a través do que se dá a coñecer unha escolma dos mellores proxectos orixinais a nivel internacional. Esta é, ademais, a única longa española entre a vintena de títulos de diferentes formatos seleccionados para esta sección, á que optaban máis de 400 proxectos.
Tras a premiada Engurras, Memorias dun home en pixama volverá levar á pantalla grande unha novela gráfica de Paco Roca, quen nesta ocasión codirixe o filme xunto ao galego Carlos Fernández. Ángel de la Cruz e Jordi Mendieta encárganse da produción executiva do proxecto, para o que Ladybug Films conta cunha subvención da Consellería de Cultura e Educación a través da convocatoria de 2015 de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción e coprodución audiovisual.
Competición oficial
Tamén recibiu axuda en 2012 a través desta mesma convocatoria a produtora compostelá Zircozine para coproducir xunto a Basque Films a longa Psiconautas, os nenos esquecidos, que compite na sección oficial do festival e se está a exhibir durante toda a semana en diferentes salas da localidade francesa. O coruñés Alberto Vázquez codirixe xunto a Pedro Rivero este título, que xa conta con premios á mellor longametraxe de animación nos festivais de Stuttgart (Alemaña) e Golden Kuker-Sofia (Bulgaria).
Alberto Vázquez foi seleccionado, así mesmo, na sección oficial de Annecy coa curta Decorado, que acaba de estrear na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes. Esta fita está producida por UniKo & Autour de Minuit coa participación de Alt Content e a compañía galega Abano Producións.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.