Notas de prensa

O Consello Galego de Universidades aproba conxelar os prezos de matrícula

O pleno do CGU analizou hoxe tamén cuestións como os impagos de matrícula, os plans de viabilidade de varias titulacións, ou a autorización de implantación de diferentes másters e graos no SUG, entre outros asuntos. O conselleiro convidou ás universidades galegas a reflexionar sobre o actual calendario de exames e as datas de inicio de curso.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu o pleno do Consello Galego de Universidades (CGU), unha xuntanza na que se deu o visto e prace á decisión da Xunta de Galicia de conxelar, un ano máis, os prezos públicos de matrícula de grao e máster. Así, Galicia seguirá a ser a comunidade autónoma cos prezos públicos medios das matrículas de graos e máster universitarios más baixas de todo o territorio nacional no vindeiro curso 2016-2017, o que supón un aforro 25 millóns de euros ao ano para as familias con fillos estudantes no Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Deste xeito, o prezo medio das primeiras matrículas de grao (que representan preto dun 83% do total) mantense en 11,89 euros/crédito, o máis baixo de España; mentres que o dos máster é dunha media de 26,49 euros, 12,63 euros por debaixo da media estatal.

O CGU analizou, ademais, a información sobre os non pagamentos de matrícula, facilitada polas propias universidades do SUG. A este respecto o conselleiro solicitou de novo ás universidades unificar criterios para o rexistro destes datos, dado que a súa heteroxeneidade imposibilita realizar unha análise conxunta dos mesmos e da súa evolución. En calquera caso, segundo as cifras dispoñibles, os impagos presentan unha tendencia á baixa nas 3 universidades galegas.

Bolsas universitarias

Así mesmo, durante a súa intervención o conselleiro informou ás universidades do compromiso do MECD para cambiar o Real Decreto polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2016-2017, que rexerán as convocatorias do Ministerio do ramo, que incluiría unha nova redacción do seu artigo 11, a instancias da Xunta de Galicia. A nova redacción do decreto de bolsas establecería que “a suma dos valores catastrais das construcións situadas en fincas rústicas, excluídos o valor catastral da construción que constitúa a vivenda habitual da familia, non poderá superar os 42.900 euros, sendo aplicables a ditas construcións os coeficientes multiplicadores, en función do ano no que se efectuara a última revisión catastral”. É dicir que, a diferenza da redacción anterior, establécese un apartado específico para as construcións –que non sexan vivenda habitual– situadas en fincas rústicas e, tamén a diferenza do anterior texto, ás construcións en fincas urbanas, aplícaselles un coeficiente redutor que evita que se eleve o seu valor catastral.

En calquera caso, ademais de aplicarlles este coeficiente redutor, as familias con construcións agropecuarias –galpóns, etc– terán para elas, así como as demais construcións en fincas rústicas que non sexan vivenda habitual, un tramo máximo de 42.900 euros. Pola contra, coa redacción anterior do decreto, o tramo máximo tanto para estas construcións como para as fincas rústicas –chan rústico– era de 13.130 euros, tendo en conta ademais que non se lle aplicaban criterios redutores.

Deste xeito, sepárase o apartado das construcións en fincas rústicas –nas que se inclúen as de uso agropecuario–, cun tramo máximo de 42.900 euros e con coeficientes redutores; do dedicado só ao chan rústico, neste caso sen as devanditas reducións, e que establece que “a suma dos valores catastrais das fincas rústicas excluídos os valores catastrais das construcións que pertenzan aos membros computables da familia non poderá superar 13.130 euros por cada membro computable”.

Polo tanto, a nova redacción do decreto de bolsas incrementaría considerablemente os tramos de renda para o patrimonio en fincas rústicas, ao separar as construcións do chan rural en dous apartados diferentes con cadanseu tramo máximo; ademais de aplicarlle coeficientes redutores ás construcións de uso agropecuario.

Autorización de implantación e plans de viabilidade

Na súa xuntanza de hoxe o CGU emitiu tamén informe favorable á implantación, condicionada á obtención da resolución de verificación do Consejo de Universidades, dos máster universitarios en Bioinformática para ciencias da Saúde (UDC), en Eficiencia e Aproveitamento Enerxétido (UDC), en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos (UDC), en Políticas Sociais e Intervecnión Sociocomunitaria (UDC), Erasmus Mundus en Lexicografíca (USC) e en Deseño e Dirección Creativa en Moda (UVigo); así como do grao en Enxeñaría Aeroespacial (UVigo) e do Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e do Comportamento (UDC).

Así mesmo, aprobouse a autorización de implantación para dúas titulacións da USC que xa dispoñen da devandita verificación do Consejo de Universidades, nomeadamente os másters en Filosofía, Coñecemento e Cidadanía, e en Xornalismo e Comunicación.

No referido a plans de viabilidade, que deben realizar as universidades para aquelas titulacións nas que a media do número de alumnos de novo ingreso fora inferior nos últimos tres cursos ao establecido no artigo 6 do Decreto 222/2011, hoxe aprobáronse os correspondentes a dous graos da UDC: en Humanidades e en Información e Documentación. Unha vez superado este trámite, a Consellería procederá á aprobación de cada un destes plans, para o cal se valorarán as características propias e específicas dos títulos, tendo en conta o carácter esencial e singular dos mesmos. De obteren o visto e prace, continuaranse impartindo, e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) terá a obriga de realizar un seguimento anual do cumprimento de cada plan.

Calendario de exames e inicio de curso

No transcurso do CGU o conselleiro convidou ás universidades a facer unha reflexión a propósito dos calendarios académicos, no referido ás datas de exame e de inicio de curso. Neste sentido lembrou que están xurdindo voces críticas coa planificación das datas de exames, en relación coa súa repercusión na vida familiar ao coincidir, por exemplo, as probas finais do primeiro cuadrimestre nos días seguintes ás datas do Nadal.

“Como conselleiro responsable en materia de universidades –indicou- véxome na obriga de trasladar o debate a este pleno, no que están presentes os máximos representantes das tres universidades galegas que, en aras da autonomía universitaria, son os competentes para tomar as decisións que posibiliten a racionalización do calendario de exames”.

Máster profesorado

A Consellería informou tamén ás universidades das addendas que se asinarán este ano aos convenios de colaboración entra a Consellería e as universidades do SUG e a UNED para o practicum do máster universitario en Profesorado. Será un total de 799 prazas para a realización desta titulación en Galicia, das que 240 corresponden á USC, 195 á UDC, 280 á UVigo e 84 á UNED.

Como novidade respecto a anos anteriores, engádese un novo parágrafo que recolle a necesidade de que as universidades requiran ao alumnado que participe no practicum unha certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais. Esta certificación é a acreditación necesaria para acceder a calquera profesión, oficio ou actividade que implique contacto habitual con menores, tal como establece o artigo 13 da Lei orgánica 1/1996 de protección xurídica do menor, na redacción dada pola Lei 26/2015, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

Docencia clínica

Por outra banda, informouse ao pleno do CGU de que o Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia (do cal forman parte as tres universidades, o SERGAS e a Consellería) informou favorablemente a oferta de prazas de novo ingreso para o curso 2016-17 nos graos de Ciencias da Saúde. Este mesmo órgano acordou a composición da comisión técnica que deberá avaliar os méritos do profesorado da UDC e UVigo que se presten a colaborar nas actividades de docencia clínica do grao en Medicina que se realicen de xeito descentralizado cada curso académico.

“Deste xeito –dixo- avánzase na execución das liñas de colaboración establecidas no convenio asinado o pasado 5 de outubro de 2015, que culmina un proceso de negociación de varios anos e que sen dúbida repercutirá nunha mellor preparación dos futuros profesionais da medicina na nosa comunidade”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (cine-obxectivo.jpg) A Filmoteca de Galicia recibiu esta mañá na súa sede da Coruña o alumnado dos tres colexios galegos participantes no programa Cinema en curso para a estrea das películas que realizaron co acompañamento dos cineastas Alejandro T. Tarraf, Fon Cortizo e Ãngel Santos no marco desta iniciativa pedagóxica internacional. Nesta nova edición de Cinema en curso participaron 44 estudantes e sete docentes de sexto de Primaria dos colexios A Reigosa de Ponte Caldelas, A Rúa de Cangas e Tenorio de Cerdedo-Cotobade. A Filmoteca encárgase da coordinación na nosa Comunidade deste proxecto internacional impulsado pola asociación A Bao A Qu, cuxa metodoloxía fundaméntase no vínculo entre ver e facer cinema.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso catro dobres graos e 12 másteres de nova implantación, dentro das 17.102 prazas universitarias totais dispoñibles, tal e como avaliou o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe. Coma todos os anos, a oferta deberá ser ratificada definitivamente polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Conferencia General de Política Universitaria. No que atinxe ás titulacións de grao, condicionado á resolución de verificación favorable a nivel estatal, o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe autorizou a implantación de dobres graos nas universidades da Coruña e de Vigo.

Notas

Dende o luns 16 ao mércores 18 de xuño, desenvólvese na Facultade de Matemáticas da USC, a NoLineal 2025 que chega xa á súa edición número catorce. A tamén denominada International Conference on Nonlinear Mathematics and Physics está organizada pola Facultade de Matemáticas da USC e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). O Congreso NoLineal 2025 forma parte dunha serie de encontros científicos que naceron no ano 1997.
Coa illa de San Simón como anfitrioa, preto dun cento de especialistas de toda España debaten sobre a situación actual e os retos de futuro das empresas da economía social (aquelas nas que o interese colectivo dos seus integrantes e o interese xeral económico e social están por riba do capital), dentro do VIII Congreso Internacional de Economía Social Eescoop (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES