
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia dous novos ciclos temáticos centrados na produción británica independente da era postpunk e no vixésimo quinto aniversario da posta en marcha na Coruña da Escola de Imaxe e Son (EIS).
Esta mesma tarde, ás 20.30 horas, dá comezo a retrospectiva This is Now: Films and Video After Punk, que se desenvolverá durante todos os martes de xuño para propoñer un total de sete programas a través dos que se dá conta do estoupido creativo que experimentou o cine e o vídeo no Reino Unido nos anos oitenta do pasado século. Revísase así un momento único no que o abaratamento das novas tecnoloxías fixo posible o despegue de voces alternativas e a imposición dunha nova estética.
Restauracións inéditas
Esta escolma producida pola distribuidora británica Lux reúne máis de corenta títulos que deixan constancia, así mesmo, da influencia que este período ten nos vídeos de Internet e no cinema de hoxe en día. Recóllense, entre estas fitas, unha vintena de películas en súper 8 e 16 mm restauradas polo British Film Institute (BFI) National Archive, moitas das cales saen á luz por vez primeira en máis de tres décadas.
O programa que se ofrecerá hoxe na sede do CGAI na Coruña leva por título Performing the Self. Trátase dunha serie de películas experimentais, que poderían cualificarse de visonarias, e vídeos luminosos que amosan como a cultura visual cambiou radicalmente a comezos dos oitenta. O ciclo continuará o día 14 coas sesións Home Taping e Just Images; o día 21, con Before and After Sciencie e Trough a Glass, Darkly; e o día 28, con Video Killed the Radio Star e Entering the Dream Space.
Primeiras curtas da EIS
Esta semana, ademais, o Centro Galego de Artes da Imaxe conmemorará o 25º aniversario da posta en marcha da EIS de Someso a través de tres sesións que reúnen nove das primeiras curtametraxes realizadas por coñecidos profesionais galegos formados neste centro. Así, mañá mércores 8 proxectaranse A repesca, de Sandra Sánchez; Mofa e Befa. Gran liquidación, de Jorge Coira; e Paranoia dixital, de Ángel de la Cruz; o xoves 9 será a quenda de Coruña imposible, de Paco Rañal; Aínda máis difícil, de Ángel de la Cruz; e Televapor, de Ricardo Llovo e Paco Carballés; e o venres 10 exhibiranse Amor serrán, de Luis Liste; O matachín, de Jorge Coira, e Isolina do Caurel, de Chema Gagino.
O acceso para estas tres sesións, que darán comezo ás 20.30 horas, é libre ata completar a capacidade da sala. Tamén é gratuíta a entrada para unha nova entrega da sección Off Galicia, que terá lugar o sábado 11, ás 18.00 horas, e na que o cineasta galego Alberte Pagán presentará tres traballos: Faustino 1936, Walsed e Frank.
Intensa actividade
Continúa así o intenso traballo de difusión que o CGAI leva a cabo no número 10 da rúa Durán Loriga da Coruña, onde ten establecida a súa sede desde o inicio da súa actividade en 1991. Ademais, durante as últimas temporadas esta actividade estendeuse tamén a Vigo e Ourense a través das respectivas colaboracións cos cineclubs Lumière e Padre Feijoo.
Ao tempo, mantén o seu labor de conservación, preservación, restauración e catalogación de fondos propios, que seguen medrando coa localización e recuperación de novos materiais, tanto dentro como fóra de Galicia, susceptibles de cualificarse de interese para a cultura galega; así como a prestación de diferentes servizos de apoio ás produtoras galegas e o impulso de programas formativos como Cine en Curso.
Desde 2013, a filmoteca galega forma parte da estrutura da Consellería de Cultura e Educación como centro adscrito á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que nestes momentos está a desenvolver unha reorganización de persoal que, porén, non implicará unha diminución do número de traballadores do CGAI, nin afectará aos seus servizos, que continuará prestando con normalidade na súa sede da Coruña.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.