
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén un ano máis o seu apoio á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que celebra a súa 32ª edición do 16 ao 24 de xullo. Esta colaboración materialízase nunha achega de 60.000 euros por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o desenvolvemento de diferentes accións conxuntas que afondarán na promoción do teatro galego dentro deste importante encontro escénico, organizado polo Concello de Ribadavia baixo a dirección artística de Roberto Pascual.
Así se recolle no convenio asinado na Cidade da Cultura de Galicia polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde de Ribadavia, José Ignacio Gómez, no que se define a MIT como un dos eventos máis importantes do noso sistema teatral e o principal catalizador da refundación da escena galega nos anos setenta do pasado século.
A Mostra de Ribadavia, que en 2013 foi recoñecida co premio da Cultura Galega da Xunta na modalidade de Artes Escénicas, botou a andar en 1973 por iniciativa da Asociación Cultural Abrente e desde entón, tal e como sinala o texto do convenio, foi adquirindo unha maior envergadura ata se converter na cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados ao teatro non só de Galicia, senón tamén das comunidades limítrofes, que poden acceder deste xeito a propostas de prestixiosos artistas do panorama estatal e internacional, así como ás creacións galegas máis innovadoras que, na meirande parte dos casos, son estreas en Galicia.
Dinamización cultural e socioeconómica
Sublíñase igualmente este evento como un importante foco de atracción e de dinamización socioeconómica de toda a súa comarca, ao tempo que se incide no seu papel exclusivo e necesario no conxunto do sistema cultural galego.
O apoio á MIT por parte da Agadic súmase á convocatoria de subvencións a festivais escénicos e musicais galegos, actualmente en fase de resolución, e a través da que se destinan 390.000 euros para a celebración deste tipo de eventos, considerados estratéxicos para a difusión cultural e para a dinamización da industrias do sector. Deste orzamento, 170.000 euros diríxense especificamente ás mostras de artes escénicas.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.