
A Asociación da Prensa da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentan o martes, 31 de maio, o libro Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala, unha obra que acaba de ver a luz co obxectivo de difundir a relevancia deste movemento histórico no desenvolvemento cultural de Galicia, así como o labor das persoas que o impulsaron.
O Museo de Belas Artes da Coruña acolle esta presentación a partir das 19:00 horas, nun acto que contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente da Asociación de Prensa da Coruña (APC), Manuel González; e do secretario da entidade e coordinador do libro, Cristóbal Atienza; así como do xornalista Manuel Rodríguez García.
O libro forma parte da colección Biblioteca de Autores da APC, iniciada con Manuel Lugrís. Este segundo volume dedicado a Antón Villar Ponte quen fora presidente da APC en 1915, un ano antes da creación da primeira Irmandade de Amigos da Fala, na Coruña reúne unha escolma de artigos dos irmáns Villar Ponte (Antón e Ramón), de Valentín Lamas Carvajal, Ramón Cabanillas, Robustiano Faxinas, Xoán Xesús González, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Castelao. Conta, ademais, cunha minuciosa cronobiografía realizada polo doutor en Filoloxía Galega Emilio Xosé Insua, destacado experto nas Irmandades da Fala.
A colección Biblioteca de Autores da APC foi pensada para poñer en valor os fundadores e primeiros socios da Asociación da Prensa coruñesa e cun sentido eminentemente didáctico e aproximación aos persoeiros que son memoria histórica de Galicia.
No centenario das Irmandades
A publicación da obra enmárcase nas iniciativas que vén apoiando e promovendo a Consellería de Cultura e Educación co gallo do centenario da fundación das Irmandades da Fala, para contribuír coa difusión social da relevancia deste movemento no desenvolvemento cultural de Galicia, así como ao estudo académico das diferentes vertentes destas agrupacións do primeiro terzo do século XX.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.