
Son moitas as particularidades que fan de Cova Eirós unha escavación arqueolóxica singular. Dunha banda, porque é un dos xacementos paleolíticos máis notables dos que foron descubertos no noroeste ibérico. Doutra banda, porque conserva un dos mellores conxuntos de fósiles fauna do Cuaternario de toda Galicia, pero tamén porque durante a escavación se atoparon mostras arqueolóxicas da prehistoria recente e indicios de ocupacións eventuais na Idade Media e na Moderna. Todos eles se abordarán na sexta xornada dos Encontros monográficos co Patrimonio Cultural, prevista para o venres 27 de maio no Consello da Cultura Galega (CCG). Unha cita que se pode seguir en directo a través do web da institución.
O Paleolítico é unha etapa pouco estudada en Galicia e da que Cova Eirós é un dos máximos expoñentes. Todas as facetas (xeolóxica, paleontolóxica e arqueolóxica) que fan desta escavación un complexo singular están presentes na sexta sesión dos Encontros monográficos co Patrimonio Cultural, que se desenvolverá mañá na sede do Consello da Cultura Galega. Ramón Fábregas Valcarce falará do xacemento nunha dobre perspectiva: dunha banda, de Cova Eirós como un referente patrimonial do Plistoceno Superior de Galicia e, da outra, da singularidade da arte rupestre atopada en Cova Eirós. Do rexistro faunístico falará a paleontóloga Aurora Grandal d´Anglade. Completa esta revisión do xacemento o codirector da escavación, Arturo de Lombera Hermida, cun dobre relatorio. Primeiro abordará o pasado, para ofrecer un relato cronolóxico da secuencia de ocupacións desde os derradeiros Neandertais ata a construción de Cancelo; e, por último, pechará as intervencións falando do valor patrimonial, do futuro e da necesidade de conservación.
Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores destes encontros.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.