
Compañías convenientes. Diálogos contemporáneos co home poliedro é o título da nova iniciativa coa que a Fundación Pública Galega Camilo José Cela celebra o centenario do nacemento do premio Nobel galego. A arte contemporánea é o eixo central deste proxecto expositivo no que un total de 12 artistas interaccionan con obras literarias, obxectos e espazos da fundación para propoñer un achegamento creativo á figura e ao legado literario do escritor padronés.
Román Corbato, Elena Fernández Prada, Mery Pais, Amaya González Reyes, Chelo Matesanz, Carme Nogueira, Jorge Perianes, Laura Piñeiro, David Catá, Edu Valiña, Jesús Madriñán e Paulova contribúen nesta mostra con cadansúa obra de arte contemporánea, na que ofrecen a súa visión particular sobre o autor de A familia de Pascual Duarte.
Ata o 24 de setembro, a exposición pode visitarse na sede da fundación, no concello de Padrón, onde foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola comisaria, Paula Cabaleiro, nunha rolda de prensa na que os e as artistas participantes realizaron un percorrido guiado pola exposición, e que tamén contou cunha performance a cargo de David Catá.
No título da mostra conflúen o título dunha publicación que recolle unha selección de artigos de Cela, Las compañías convenientes, e mais o espírito da súa cita na que asegura que o individuo non é xamais un plano senón un poliedro, segundo explicou durante a presentación o secretario xeral de Cultura, quen recordou o valioso legado custodiado pola fundación, con coleccións de pintura, gravado e ilustracións, unha completa biblioteca, un destacado epistolario, o compendio dos manuscritos orixinais de Cela e diversas coleccións.
Un achegamento poliédrico á figura de Cela
Unha instalación de metal, madeira e documentación gráfica para recrear o vagabundear do escritor pola paisaxe da Alcarria; unha colaxe de acuarela a partir do filme de La colmena de Mario Camus; un retrato do escritor para integrar a pintura na gran colección de caricaturas de Cela que se custodia na fundación; unha fotografía baseada na analoxía do estudio do artista e do seu proceso creativo, e a mesa de despacho de Cela; e unha instalación audiovisual que convida o espectador a realizar unha viaxe en taxi para rememorar a súa contorna máis próxima son algunhas das obras que conforman o proxecto expositivo Compañías convenientes.
O centenario dun Nobel
A Fundación Pública Galega Camilo José Cela vén desenvolvendo ao longo de 2016 un diverso programa de actividades para convidar a cidadanía a participar na celebración do centenario do escritor. Entre elas destaca a mostra CJC 2016. O centenario dun Nobel, que se inaugurará na Biblioteca Nacional de España o vindeiro 4 de xullo e que despois se poderá ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
Mostras como O gran coleccionista, xornadas de literatura, certames literarios, actividades escolares e diferentes proxectos de dixitalización completan esta programación conmemorativa, na que participan numerosas administracións e entidades, como son o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España, a Biblioteca Nacional de España, o Consello da Cultura Galega, a Consejería de Educación de Madrid, as deputacións da Coruña e de Guadalaxara, Acción Cultural Española, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela, Internacional Menéndez Pelayo e de Ciencias Empresariais e Sociais de Buenos Aires.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.