Notas de prensa

A Fundación Barrié impulsa o programa de formación e mentoring: Piteas

A Fundación Barrié impulsa Piteas, un programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento nas aulas, en colaboración coa Xunta e a USC. Os contidos formativos van dirixidos a docentes de primaria, secundaria e bacharelato e a orientadores de toda Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; asinaron hoxe dous convenios con motivo da posta en marcha de PITEAS; un programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento nas aulas. Este programa, en cuxa primeira fase piloto participan nove centros escolares galegos, inclúe iniciativas de formación do profesorado para a optimización da detección e do desenvolvemento do talento nas aulas, así como accións directas de fomento da creatividade e as ciencias entre o alumnado.

Na súa intervención, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, subliñou que non é posible falar dunha educación equitativa e de calidade se non se ten en conta a diversidade do alumnado como un elemento enriquecedor de todo o proceso educativo. Nesta liña, Román Rodríguez defendeu a importancia do proxecto PITEAS, que parte da formación do profesorado como un elemento esencial para mellorar a resposta educativa aos estudantes tendo en conta as súas necesidades, intereses e motivacións. É dicir, avanzar cara un sistema educativo flexible no que se garanta a equidade e a igualdade de oportunidades, e con capacidade para adaptarse ás características dos rapaces e rapazas e non ao revés.

PITEAS é un programa educativo impulsado pola Fundación Barrié que se centra no desenvolvemento das fortalezas e talentos dos estudantes, para o cal se teñen en conta as súas diferentes características, necesidades, intereses e motivacións. O obxectivo último é ofrecer ideas e ferramentas científicas e pedagóxicas que potencien o traballo colaborativo, as metodoloxías activas e o desenvolvemento do talento persoal e colectivo.

Dado que a formación do profesorado é un dos puntais desta iniciativa, a Consellería de Cultura e Educación participa no proxecto a través do Centro de Formación do Profesorado (CAFI) e dos distintos centros de Formación e Recursos (CFR) así como do profesorado especialista. Para tal fin constituirase un equipo base interdisciplinario con persoal destas entidades, que será o responsable da formación, mentorización, seguimento, tutorización e asesoramento dos centros participantes no programa. Así mesmo, o CAFI incluirá na nova plataforma de teleformación galega (platega) os distintos recursos correspondentes ao programa PITEAS.

Pola súa banda, a Fundación Barrié –a través da súa Área de Educación– encárgase de desenvolver ese proceso de formación, proporcionará a metodoloxía, os recursos educativos, a tutorización e o seguimento e avaliación do proxecto, desenvolverá o proceso de formación e asumirá os custes da implantación do PITEAS.

Proceso de implantación en catro anos

A implementación do programa PITEAS nas aulas comeza en setembro co curso escolar 2016/17 aínda que a formación a profesores xa comezou con obradoiros e conferencias que teñen lugar na sede da Fundación Barrié en Vigo desde onte e ao longo do día de hoxe e o sábado 21 de maio.

O programa estrutúrase en catro anos, dos cales tres son de implantación e un de consolidación nos nove centros piloto seleccionados para tal fin entre a Consellería e a propia Fundación.

No primeiro ano, a través do equipo de expertos creado a tal efecto, a Fundación Barrié formará a un grupo de profesores e aos coordinadores dos centros participantes. No segundo e terceiro ano, a través dos grupos de traballo creados a tal efecto en cada centro, os docentes formados inicialmente compartirán a aplicación con outros profesores. E xa no cuarto e último ano, cada centro, implicando á totalidade do profesorado, aplicará o programa de xeito intensivo.

Os centros que participan nesta primeira fase piloto serán na provincia da Coruña o CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha), o CPR A grande Obra de Atocha (A Coruña) e o IES Arcebispo Xelmirez II e o CPR Plurilingüe A Inmaculada (ambos en Santiago); en Ourense o CEIP Ben-Cho-Shey (Pereiro de Aguiar); e na provincia de Pontevedra o CEIP Carballal (Marín), o IES A Xunqueira II (Pontevedra), o CEE de Panxón (Nigrán) e o CPR Eduardo Pondal (Cangas).

Este programa débelle o seu nome a Piteas, un navegante, explorador e científico grego do século IV a. C., a quen se atribúen importantes descubrimentos, entre eles, que Hispania era unha península. Piteas soubo unir ciencia, esforzo e talento para construír unha nova mirada sobre o mundo que lle rodeaba, unha idea que a Fundación Barrié retoma como metáfora do seu compromiso educativo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-05-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES