
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o Día das Letras Galegas no Gaiás cunha homenaxe cidadá a Manuel María a través dun espectáculo multimedia que inclúe lectura de poemas, música en directo, vídeo-creacións e ata un obradoiro de rap.
Para homenaxear ao poeta lucense, a Cidade da Cultura convoca á cidadanía galega a achegarse ao Gaiás e participar nun recital colectivo co que poñer en valor a figura e a obra de Manuel María. Así, a partir das 12:30 horas, a Sala Eisenman acollerá Verso busca voz, un acto no que todo aquel que o desexe porá voz aos seus poemas preferidos de Manuel María ao tempo que poderán gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev, alter ego do músico Roberto Casteleiro, e as videocreacións de DSK.
De balde, previa inscrición
Para participar neste recital colectivo, a Cidade da Cultura convida a todo aquel que o desexe a inscribirse en cidadedacultura.gal e indicar aquel poema ou poemas que lle gustaría recitar. De non ter preferencia, a organización recomendaríalle algún. As persoas que desexen asistir como público poderán achegarse á Sala Eisenman e gozar do espectáculo totalmente de balde.
Previamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos. Partindo dos versos de Manuel María, os participantes deixarán voar a súa imaxinación, dando lugar a novas composicións que interpretarán posteriormente no recital colectivo que terá lugar na Sala Eisenman. O obradoiro comezará ás 10:00 horas e a participación tamén é de balde, mais precisa inscrición en cidadedacultura.gal.
A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, vermú de Petroni e olivas de Eidos de Iria.
Teatro e libros ilustrados
A programación das Letras Galegas complétase co conto teatralizado Carteiro en bicicleta de Caxoto Contacontos, un espectáculo onde conflúen varias disciplinas a partir das experiencias e vivencias dun carteiro dos de antes que nos fala do seu traballo, das rúas, das efemérides... e sobre todo dos grandes autores da literatura galega. A actividade terá lugar o 22 de maio ás 18 horas no auditorio Xosé Neira Vilas e a entrada é libre ata completar aforo.
Ademais, o 29 de maio terá lugar na Biblioteca de Galicia o obradoiro A casa de Manuel María, no que nenos de 5 a 12 anos poderán ilustrar os poemas e textos do escritor homenaxeado, ademais de construír un libro despregable coas súas ilustracións. O obradoiro terá lugar ás 12 horas e a entrada é de balde previa inscrición en cidadedacultura.gal.
Con estas actividades, a Cidade da Cultura súmase á homenaxe que polo Día das Letras Galegas se lle rende a Manuel María, poeta lucense autor dunha extensa obra, expoñente do activismo político e representante da conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.