Notas de prensa

Compostela súmase ás homenaxes a Manuel María nas Letras Galegas 2016

O Concello de Santiago súmase á celebración do Día das Letras Galegas e ao recordo a Manuel María, o autor homenaxeado este ano. O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira Branca Novoneyra presentaron as actividades organizadas polos departamentos de Lingua e Acción Cultural para lembrar a obra do poeta chairego.

A concelleira de Acción Cultural explicou que no 17 de maio haberá tres actividades centrais organizadas desde o seu departamento. Para as 11:00 horas está previsto un acto de homenaxe a Manuel María, na rúa que leva o seu nome no barrio de Salgueiriños. No seu transcurso actuará a Banda Municipal de Música e haberá un recital poético a cargo da veciñanza da propia rúa.

Xa pola tarde, celebrarase un paseo-recital, no que se incidirá na relación de Manuel María con Santiago, a través da súa obra Poemas a Compostela. O acto comezará na praza do Obradoiro, onde a concelleira de Acción Cultural fará unha introdución sobre a figura do poeta lugués e a súa relación con Compostela. De seguido, haberá unha lectura de poemas, a cargo de persoas vinculadas coa cultura como Comba Campoi, Olalla Cociña, Rosalía Fernández, Montse Dopico, Miro Villar, Laureano Araúxo, Lara Rozados e Manolo Portas.

Todos eles invitarán ao público a participar na lectura, na propia praza do Obradoiro, na Quintana e en San Martiño Pinario. Neste punto rematará o paseo-recital, e alí está previsto un concerto de García MC, compoñente do colectivo hip hop Dios Ke Te Crew e que ten musicado un dos textos do Poemas a Compostela, de Manuel María. Branca Novoneyra explicou que con este paseo literario "a intención é que a celebración do Día Das Letras sexa a celebración da obra do autor homenaxeado, e non da súa figura, sen máis".

A programación do 17 de maio complétase cun concerto da Banda Municipal de Música na praza de Praterías, a partir das 19:30 horas. A formación estará acompañada por Cantigas e Agarimos, e na actuación integrarase a música da Banda Municipal coa das gaitas e o coro da agrupación folclórica. Tamén participará o grupo de baile acompañando algunhas das pezas.

Pola súa banda, o alcalde deu conta das actividades organizadas polo Departamento de Lingua en relación co Día das Letras Galegas. O Concello ten en marcha o concurso #fotolingua, co obxectivo de poñer en valor o uso do galego na paisaxe de Santiago. Nesta primeira edición, o certame leva por lema #ogalegovende e os participantes terán que presentar, a través dos perfís do concurso en Facebook ou Instagram, fotografías de elementos de negocios ou empresas de Compostela nos que apareza a lingua galega, tales como letreiros, etiquetas, ou cartaces. Haberá dous premios, un para a imaxe elixida por un xurado, e outra para a fotografía que reciba máis "gústame" nas redes. Nos dous casos, o agasallo será un teléfono móbil de última xeración.

O prazo para presentar as fotografías abriuse onte e pecharase o 24 de maio, e en todos os casos as imaxes deben ir acompañadas dos hashtags #fotolingua e #ogalegovende. O nome dos gañadores publicarase o 27 e maio.

Martiño Noriega tamén deu conta do apoio do Concello de Santiago ao Correlingua, a carreira pola lingua. O Correlingua empezou en Pontevedra e chegará a Santiago o 13 de maio. O punto de encontro dos participantes será a praza da Quintana, e o percorrido da carreira é circular, pasando pola rúa da Conga, rúa Nova, Caldeirería, Preguntoiro, Cervantes, Troia, Fonte de San Miguel, Porta da Pena, Xasmíns, avenida de Xoán XXIII, San Francisco, Obradoiro, Fonseca e Xelmírez, para rematar de novo na Quintana. A proba comezará ás 11:00 horas e os organizadores xa advirten da posibilidade de suspendela, no caso de chuvias importantes.

Unha vez finalizado o percorrido, a partir das 12:00 horas, terá lugar un final de festa na Quintana, presentado por Talía Teatro. No seu transcurso lerase o manifesto gañador, escrito por alumnado de portugués do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo. Tamén actuará o alumnado do grupo Liviao de Marrao.

Polo de agora, na Correlingua están inscritos máis de 1.300 rapaces e rapazas da comarca de Compostela. O Concello colabora coa carreira nos aspectos relacionados coa seguridade, e fai unha achega de 2.500 euros a través dunha subvención nominativa.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2016-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES