
As empresas galegas Frida Films, Ladybug Films, Numax Distribución e Zeitun Films participan no Marché du Film do Festival de Cannes, a principal cita internacional para o sector cinematográfico. Este ano, ademais, o noso audiovisual terá un protagonismo especial neste encontro coas estreas dos últimos filmes de dous directores galegos: a longametraxe Mimosas, de Oliver Laxe, dentro da Semana da Crítica; e a curta de animación Decorado, de Alberto Vázquez, na Quincena de Realizadores.
A presenza galega neste importante festival conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa de internacionalización e promoción do audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén desenvolvendo xunto ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en diferentes feiras internacionais de todo o mundo.
Recepción en colaboración con Galicia Calidade
No Festival de Cannes contarase, así mesmo, coa colaboración de Galicia Calidade na organización dunha recepción que terá lugar o vindeiro luns 16 no 3.14 Hôtel coincidindo coa estrea de Mimosas. Producida por Zeitun Films e subvencionada pola Agadic, esta película supón o regreso a Cannes de Oliver Laxe seis anos despois de que obtivera o premio Fipresci da Quincena de Realizadores por Todos vós sodes capitáns, a súa ópera prima. Desta volta, presenta a súa segunda longametraxe na Semana da Crítica, sección que ofrecerá un total de nove pases da película.
A curtametraxe Decorado, dirixida polo coruñés Alberto Vázquez, estrearase o venres 20 no marco da Quincena de Realizadores, que acollerá tamén un segundo pase o sábado 21. A fita, producida por UniKo & Autour de Minuit coa participación de Alt Content e Abano Producións, acaba de ser seleccionada así mesmo para competir no importante festival de cine de animación de Annecy, tamén en Francia.
Misión empresarial
Pola súa banda, as catro empresas integrantes da delegación galega ao Marché du Film centrarán o seu traballo na cidade francesa no impulso ás vendas e na promoción exterior dos seus filmes, así como na procura de socios coprodutores e de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para os seus produtos audiovisuais.
O Marché du Film de Cannes supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución dos contidos que reúne. Anualmente congrega 20.000 profesionais, entre produtores, distribuidores de cine, axentes de vendas e programadores de festivais. Desde España desprázanse a esta cita, que se prolongará ata o vindeiro 20 de maio, arredor de 230 profesionais de 120 compañías.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.