
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski colaboran para conmemorar o Día das Letras Galegas desde o ámbito socioeconómico. Fano por medio dunha campaña de difusión da efeméride e da figura do autor chairego Manuel María, a quen este ano a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas. A través dela, 2.500.000 bolsas visibilizarán o 17 de maio e preto de 500 carteis difundirán nos establecementos Eroski-Center e Familia desta cadea comercial a figura, a vida e a obra do autor homenaxeado.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentouna esta mañá no Eroski Center da Gándara (Narón), acompañado da directora de Relacións Institucionais e Responsabilidade Social Corporativa da compañía, Gabriela González, e salientou durante a súa intervención a importancia de que as empresas se comprometan coa promoción do uso do galego desde as súas accións de responsabilidade social.
Promover a lingua desde a RSE
Vegalsa-Eroski constitúe todo un exemplo no compromiso e na promoción do uso do galego desde a responsabilidade social corporativa dunha empresa radicada en Galicia que incorpora e implementa diferentes actuacións a prol do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade entre as liñas de traballo prioritarias destinadas aos seus grupos de interese, sinalou.
Carteis e bolsas para conmemorar as Letras Galegas
Unha tirada de 500 carteis dunha das dez imaxes que integran a mostra Soñando Galicia con Manuel María -coa que o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo se fixo este ano co Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2016- e dous millóns e medio de bolsas de edición especial contribuirán a visibilizar a celebración das Letras Galegas desde a cesta da compra dos establecementos Eroski-Center e Familia.
Trátase dunha acción que Vegalsa-Eroski engloba no seu compromiso cos atributos propios de Galicia, que teñen no idioma propio un dos seus máximos expoñentes, e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.