Notas de prensa

Turismo de Galicia presenta no seminario da OMT en Cuba o Camiño de Santiago

A presentación tivo lugar nun encontro sobre promoción e comercialización de destinos turísticos con oferta cultural enmarcado no Seminario Internacional sobre Turismo e Cultura organizado pola Organización Mundial de Turismo (OMT) que se desenvolve en A Habana (Cuba) data o 6 de maio.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Cuba as liñas de traballo do Goberno galego para a promoción e comercialización do Camiño de Santiago como o produto cultural e turístico máis importante de Galicia e o principal recurso captador de turismo internacional na nosa Comunidade.

A presentación tivo lugar nun encontro sobre promoción e comercialización de destinos turísticos con oferta cultural enmarcado no Seminario Internacional sobre Turismo e Cultura organizado pola Organización Mundial de Turismo (OMT) que se desenvolve en A Habana.

Durante a súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta destacou que o Camiño identifica e sitúa a marca Galicia no mundo e constitúe o motor de desenvolvemento cultural, turístico e socioeconómico máis importante para os máis de 100 municipios galegos que atravesa.

A directora explicou as diversas liñas de traballo que a Xunta de Galicia ten en marcha para a posta en valor da ampla oferta cultural en torno ao Camiño de Santiago.

Promoción da Ruta Xacobea

No eido da promoción, subliñou que, no ano 2015 o Camiño de Santiago estivo presente nun total de 22 feiras internacionais en 15 países diferentes e foi obxecto de proxectos expositivos itinerantes por todo o mundo –incluíndo destinos tan diferentes como Colombia, Paraguai, Palestina ou Bangladesh- dirixidos a turoperadores e ao público xeral.

Así mesmo, destacou a aposta de Turismo de Galicia pola celebración de fam trips e press trips xa que supoñen un gran valor publicitario que redunda na mellor comercialización do destino e na maior calidade da información sobre o mesmo. No marco destas accións, en 2015 visitaron Galicia para coñecer o Camiño periodistas e turoperadores de Canadá, Alemaña, Filipinas e China, entre outras nacionalidades.

En canto ao desenvolvemento das novas tecnoloxías ao servizo do Camiño, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia ao proxecto Smart Camiño, grazas ao cal a Ruta Xacobea dispón dunha páxina web específica, www.caminodesantiago.gal [nova venta] , con información de interese para o peregrino. Este programa tamén dispón dunha aplicación móbil de realidade aumentada na que se poden consultar todos os servizos dispoñibles ao longo do Camiño.

A directora tamén enxalzou a labor que realizan, para a promoción da Ruta Xacobea, as máis de 200 Asociacións de Amigos do Camiño, que reúnen a uns 80.000 asociados repartidos por todo o mundo. Así mesmo, destacou a importancia do boca a boca entre os peregrinos, que prescriben esta experiencia, e enumerou as películas e libros xurdidos en torno ao Camiño e que se converteron, nalgún caso, en éxito de vendas.

Comercialización do Camiño

No que se refire a comercialización, a directora de Turismo de Galicia explicou que o Camiño conta cunha ampla oferta complementaria. Por iso, á hora de comercializar este produto existen numerosas empresas e axencias especializadas na organización desta viaxe, que facilitan a contratación de servizos como aloxamento, restauración, transporte de mochilas e produtos turísticos adicionais.

Nava Castro tamén enxalzou a existencia da Rede Pública de Albergues, que pon á disposición do peregrino 68 establecementos na Comunidade galega, o que supón máis de 3.000 prazas con instalacións ben equipadas, incluso con rede wifi nun 84% dos casos.

Doutra banda, a responsable de Turismo da Xunta destacou a existencia de numerosos programas que combinan o Camiño con outros recursos turísticos explicando o gran atractivo de algúns deles como o Bono Iacobus, Galicia a todo tren ou Un descanso no Camiño.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-05-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (escolarizacion.jpg) Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e mantense por riba do 60%, máis de 13 puntos superior á media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Esta porcentaxe sitúa á nosa comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca. Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas.
Foto de la tercera plana (sergas-camas.jpg) Os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e de Vigo veñen de ser seleccionados para a administración de terapias CAR-T en pacientes adultos. Esa designación formalizarase mediante resolución da Secretaría de Estado de Sanidade, logo da validación por parte do Grupo Institucional do Plan para a Abordaxe das Terapias Avanzadas no Sistema Nacional de Saúde. Galicia xa dispoñía desde 2022 de dous centros designados polo Ministerio de Sanidade para a administración de terapia CAR-T: o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña administraba estes medicamentos avanzados en pacientes adultos e o de Santiago de Compostela en pacientes pediátricos.

Notas

Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future. Baixo este lema o CINBIO celebrará o vindeiro mes de xullo o seu oitavo Annual Meeting, renovando o seu firme propósito por visibilizar as ferramentas que marcarán a medicina do futuro. Un ano máis, Vigo converterase no punto de encontro no que científicos de todo o mundo compartirán a súa experiencia en química, física, bioloxía, medicina, nanotecnoloxía e saúde.
Especialistas do Grupo Iacobus da USC abordarán do 21 ao 22 de maio a análise de diversas obras seleccionadas entre os numerosos bens culturais que conserva o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. A finalidade deste foro que leva por título 'Tempo de arte. Obras de museo III' é poñer en valor a súa colección e difundila á cidadanía a través deste curso monográfico coordinado por Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras da USC, e Marcos Calles, director do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES