Notas de prensa

Vicente Araguas presenta en Madrid o libro Agora xa foi, reeditada 15 anos despois

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu a presentación da novela “Agora xa foi” do escritor, poeta e crítico literario Vicente Araguas, reeditada pola ferrolá Edicións Embora, quince anos despois de que o fixese Laiovento no 2000.

A obra, que está chea de tenrura, humor, amor, escepticismo e distanciamento desenvólvese en só tres días en diferentes lugares da cidade de Ferrol, e está protagonizada por un grupo de mozos militares de esquerda que traman nos anos setenta unha acción política, aproveitando un encontro de fútbol do Racing de Ferrol no antigo campo Manuel Rivera, máis coñecido polo nome do barrio no que estaba, o Inferniño.

Na presentación interviñeron, ademais do autor, o Coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, e o editor Francisco Rodríguez.

Nas súas palabras, Jiménez lembrou que Araguas é doutor en Filoloxía Inglesa e natural de Xuvia-Neda, provincia da Coruña, “autor tan querido nesta Casa, na que interveu en numerosas e diversas ocasións”, e destacou de entre elas “as sesións de poesía galega que coordinou nesta mesma sala ao longo de varios Ciclos memorables”. Sinalou tamén que Vicente escribe en galego e en castelán, indistintamente. “Neste mesmo ano presentamos aquí un precioso libro de relatos seus, Nos dió por llorar mientras llovía, en castelán, mentres que a novela que hoxe lles ofrecemos áchase escrita nun espléndido galego, idioma que domina á perfección e co que fai gozar mesmo a quenes non o falan”.

Pola súa banda Francisco Rodríguez comentou que Embora leva publicando libros en Ferrol desde “hai 23 anos, con máis de 300 títulos, mesmo poesía e teatro”, o que dá unha idea da arriscada aposta desta empresa editorial. Para el, Ferrol é unha gran descoñecida tanto en Galicia como fóra dela e con Embora desexa contribuír, “na medida na que eu poida, a paliar isto”.

Vicente Araguas explicou que a súa elección de Embora para a segunda edición do seu libro baséase, precisamente, en que é “unha editora local, valente, loitadora, indie, e de Ferrol”, á que engadiu un prólogo que “non xustifica pero aclara que o pasado xa foi e non ten volta”. A nova edición mira ao pasado pero desde o presente.

“Agora xa foi é unha historia de amor e loita, no Ferrol de 1971, nos tres días previos a un partido de fútbol, Ferrol-Betis, no vello estadio do Inferniño. Alí, un vello heroe, Fandiño, pretende sementar o campo con octavillas convocando á folga. A lírica remata sendo épica. E desfeita”, dixo o autor. Tanto Fandiño como Araguas pensan que “amar é combatir”.

O acto contou coa asistencia de destacados escritores, poetas e personalidades do mundo cultural galego en Madrid, como Fermín Bouzas, Carmen Pena, Manuel Pereira, Inés Canosa, Pepa Nieto, Danikxt, Francisco Pastoriza, Rafael Yáñez...

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES