Notas de prensa

O audiovisual galego é protagonista en Bos Aires cun ciclo de 17 películas

Lobos sucios abre este programa especial no Cine Gaumont como parte da programación da Xunta para a 42ª Feira do Libro de Bos Aires. Proxéctanse tamén As altas presións, A esmorga, Maimiño, Inevitable, Holy Night, Os fenómenos, Arraianos, A praia dos afogados, No Cow on the Ice, O ouro do tempo, A árbore magnética e A cicatriz branca.

A recente produción audiovisual galega protagonizará o ciclo Galicia en cine, que ofrece en Bos Aires unha escolma de 17 filmes de ficción e documentais como parte da programación cultural organizada pola Xunta de Galicia para a 42ª edición da Feria Internacional del Libro da capital arxentina, onde Santiago de Compostela está a ser a cidade convidada.

‘Lobos sucios’, de Simón Casal de Miguel, abre o xoves 28 de abril este programa, que se desenvolve ata o 4 de maio no Cine Gaumont, espazo do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales do Goberno arxentino. Xunto con esta película sobre a explotación nazi das minas galegas de wolfram, que acaba de chegar ás salas españolas, esta escolma aborda moi diferentes xéneros e modelos de produción, incluíndo a animación, o cinema independente ou o documental. Así, mediante este programa organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o público porteño terá a oportunidade de se achegar a unha mostra representativa do cine que se está a facer actualmente en Galicia e que está a ser recoñecido, ademais, con múltiples premios e seleccións en importantes festivais internacionais.

A literatura como eixo

Así mesmo, e tendo en conta que o ciclo se organiza co gallo da participación galega na Feria Internacional del Libro de Bos Aires, a literatura está presente nesta recompilación a través de fitas como ‘A Esmorga’ (29 de abril), do realizador Ignacio Vilar a partir da emblemática obra de Eduardo Blanco Amor; ‘Arraianos’ (2 de maio), película de Eloy Enciso que ten como punto de partida unha obra de culto de Jenaro Marinhas del Valle, declamada por intérpretes non profesionais; e ‘A praia dos afogados’ (2 de maio), adaptación cinematográfica da novela homónima de Domingo Villar dirixida por Gerardo Herrero.

Inclúense tamén nesta selección os títulos ‘As altas presións’ (29 de abril), pola que Ángel Santos obtivo o primeiro premio na sección Nuevas Olas do Festival Internacional de Cine Europeo de Sevilla; ‘Inevitable’, coprodución galego-arxentina dirixida por Jorge Algora; ‘Os fenómenos’, premiado filme de Alfonso Zarauza sobre os efectos da burbulla inmobiliaria; ‘No Cow on the Ice’ (3 de maio), documental gañador da pasada edición do Play-Doc de Tui no que o realizador Eloy Domínguez Serén narra as súas experiencias como emigrante en Suecia; ‘O ouro do tempo’ (3 de maio), drama de Xavier Bermúdez sobre a forza dun amor que nin a morte pode evitar; ‘A árbore magnética’, coprodución galego-chilena e primeira longametraxe de Isabel Ayguavives; e ‘A cicatriz branca’ (4 de maio), na que Margarita Ledo Andión retrata a historia das mulleres galegas que, na primeira metade do século XX, emigraron soas a América.

Animación

A animación está representada neste ciclo por dúas longametraxes pensadas para o público familiar: a película galego-cubana ‘Maimiño e o o espello máxico’ (30 de abril), con participación de Ficción Producciones e dirección de Ernesto Padrón; e ‘Holy Night! Noite... de paz?’ (1 de maio), do director Juan Galiñanes e producida de Dygra Films.

Baixo o título ‘Galicia en documental’, o Cine Gaumont acollerá tamén a proxección de catro documentais que inciden na difusión doutras tantas figuras da nosa cultura. Así, o 29 de abril exhibirase ‘As luces de Sargadelos, de Arturo Villacorta, sobre a historia do que foi o primeiro complexo industrial de Galicia. O día 30 será a quenda de ‘A imaxe Rev/velada’, fita sobre o fotógrafo e debuxante Baldomero Pestana asinada por Andrea Vázquez. Este cuarteto de documentais complétase con dúas películas que afondan na vida e obra de cadanseu escritor: ‘Contra a morte, unha aproximación a Lois Pereiro’ (1 de maio), de Alexandre Cancelo e Iago Martínez; e ‘100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro’ (2 de maio), de Aser Álvarez.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES