Notas de prensa

As bibliotecas centrais de Galicia ofrecen actividades especiais polo Día do Libro

Todas elas incorporan unha serie de mostras bibliográficas relacionadas coa conmemoración do IV centenario da morte de Cervantes. Os museos e centros de arte e cultura súmanse cunha experiencia de bookcrossing, de liberación de libros, obradoiros, exposicións, contacontos e certames literarios.

Un conxunto de obradoiros, exposicións, contacontos, certames literarios e visitas guiadas, entre outras actividades, constitúen o groso da programación especial deseñada polas bibliotecas centrais de Galicia, co gallo da celebración -o sábado día 23- do Día do Internacional do Libro.

Deste xeito, as bibliotecas públicas “Ãnxel Casal” de Santiago, a de Lugo, a de Ourense, a “Antonio Odriozola” de Pontevedra, a “Juan Compañel” de Vigo e a Biblioteca de Galicia (na Cidade da Cultura, en Santiago), ofrecen distintas propostas dirixidas a todos os públicos co fin de fomentar a lectura. Todas as actividades poden consultarse no web cultura.gal.

A maiores, todas elas incorporan tamén mostras bibliográficas relacionadas coa conmemoración do IV centenario de Miguel de Cervantes, co fin de achegar o público máis novo a unha das figuras literarias máis universais.
Historias de tradición oral “Miguel González Garcés” da Coruña.

Coincidindo co Día do Libro, o próximo sábado, a biblioteca pública “Miguel González Garcés” da Coruña acolle o espectáculo “Camiño de historias”, constituído por tres historias de tradición oral de diversos lugares do mundo onde se fala galego ou portugués. No espectáculo, que terá lugar entre as 12,00 e as 13,00 horas no salón de actos da biblioteca, abórdanse temas como a difusión destas linguas, a interculturalidade e os dereitos humanos.
O luns, día 25, publicarase o fallo do premio do III Certame de Poesía en galego e en castelán, e realizarase a entrega de premios. A programación complétase con actividades vinculadas ao IV centenario da morte de Miguel de Cervantes. Nesta liña, ata o venres está en marcha un curso sobre o traxe a indumentaria do século de Ouro, no que viviu o escritor, e que se completa con mostras bibliográficas de guía de lectura sobre o autor do Quixote.

Visitas guiadas con contacontos na Biblioteca Pública de Lugo

Na Biblioteca Pública de Lugo, o próximo venres en horario de mañá e de tarde, e o sábado en horario de mañá, haberá visitas guiadas para quen queiran coñecer as instalacións da biblioteca. Ademais, mañá xoves 21, o martes 26 e o xoves 28 realizaranse visitas con contacontos para nenos de a partir de tres anos.

O venres día 22, celebrarase un “menú de contos”, con variadas historias onde a imaxinación é o principal ingrediente. Así mesmo, o vestíbulo da biblioteca acolle unha mostra bibliográfica sobre as distintas edicións do Quixote.

Obradoiro de pintura na Biblioteca de Ourense

O espazo bibliotecario de Ourense acolle mañá, día 21, un obradoiro de pintura con Fatiropina, destinado a nenos e nenas de entre 7 e 11 anos. Esta actividade –que pretende achegar os máis cativos ao mundo da fantasía e da ilusión a través das ilustracións- terá lugar ás 18,00 da tarde na sala infantil.

O sábado día 23, os máis pequenos da casa teñen unha cita coas ilustracións medievais a través da iniciativa “Xogamos coa catedral”, e ata o venres 22 haberá distintas visitas guiadas con contacontos.

Obradoiro de animación á lectura na Biblioteca “Antonio Odriozola” de Pontevedra

Este venres, día 22, a Biblioteca Pública de Pontevedra acolle un obradoiro de animación á lectura, onde os nenos e nenas traballan con libros que tratan temas relacionados cos sentimentos e terán que descubrir como se agochan eses sentimentos dentro dos contos.

Ademais, co gallo da celebración do Día do Libro, o sábado 23, quen teñan sancións por atraso nas devolucións de materiais en préstamo quedarán exentos de ditas sancións sempre e cando fagan, ese día, uso do servizo de préstamo.

Teatro na Biblioteca “Juan Compañel” de Vigo

O sábado 23, o grupo Trinketrinke Teatro representará “O coelliño branco”, unha función protagonizada por un coelliño e que inclúe cancións, números de maxia e contos dramatizados en colaboración cos nenos e adultos asistentes. A función terá lugar ás 12,00 horas na sala infantil.

Tamén o mesmo sábado, a biblioteca acollerá un obradoiro de cómic a cargo de María Vilar, onde se aprenderán as formas de expresión e as técnicas de traballo sobre a banda deseñada. Será entre as 12,30 e as 14,00 horas na sala de audiovisuais.

“Ãnxel Casal” e Biblioteca de Galicia, en Santiago

Ata o sábado 23, a Biblioteca Pública “Ãnxel Casal” ten en marcha a campaña de liberación de libros por diferentes espazos da biblioteca, que comezou o luns. As persoas interesadas poderán escoller qué libros levar á casa e, despois de lelos, deixalos nalgún lugar da cidade para que outra persoa os recolla e goce coa súa lectura. Con esta actividade, a Biblioteca trata de expandir a cultura más aló das paredes das bibliotecas e dos espazos culturais.

O sábado tamén acollerá o espectáculo “Titiricleca”, a cargo de Carballo con botas, ás 12,00 horas no salón de actos. Conta a historia dun grupo de monicreque solidarios chegados de distintos países e que levan aos nenos e nenas de viaxe a mundos fantásticos na procura da paz.

A programación da “Ãnxel Casal” complétase con visitas guiadas o venres 22 e o sorteo dun lote de libros o luns día 25 entre todos aqueles usuarios que levaran un libro en préstamo o sábado 23.

Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ofrecerá un libro de agasallo a todos os visitantes e usuarios que acudan á biblioteca na xornada do venres día 22.

O domingo día 25, terá lugar unha actividade de contacontos teatralizados sobre os 400 anos de Cervantes e Shakespeare, a cargo de CaxotoContacontos. Esta actividade, que ten como obxecto achegar aos lectores máis novos a dúas das figuras imprescindibles da literatura universal, será entre as 18,00 e as 19,00 horas no auditorio Neira Vilas
Experiencia bookcrossing en bibliotecas de museos e centros de arte e cultura

Con motivo do Día Internacional do Libro, por oitavo ano consecutivo un total de 56 museos e centros de arte compartirán o próximo 22 de abril unha experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros, con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas, e coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo.

Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados no web
http://www.bookcrossing.com/mybookshelf, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar, o que permite seguir a pista de calquera deles unha vez que foi liberado, así como saber quen o leu e en que lugar.

Todos os libros liberados conteñen catro adhesivos que instrúen a persoa que recolle o libro sobre o obxecto da liberación de libros. A primeira etiqueta, no lombo, é o símbolo internacional do bookcrossing, o debuxo dun libro con brazos e pernas en situación de correr cun texto que aclara que se trata dun libro bookcrossing. A segunda etiqueta vai colocada sobre a cuberta do libro e nela danse máis detalles: «pásalle este libro a alguén ou déixao libre na súa aventura» e «non me perdín, son parte dun club de libros global».

Dentro do libro, o terceiro adhesivo instrúe a persoa que recolleu o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional a través da páxina web http://www.bookcrossing.com/mybookshelf, que permite coñeceronde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe. Ademais, no cuarto adhesivo o lector pode escribir o seu nome e o lugar onde encontrou o libro.

No seguinte enlace pódese ver o vídeo preparado sobre a actividade para este ano 2016: https://youtu.be/_iPpSKDryY0 . O obxectivo desta iniciativa é sumar ás bibliotecas dos museos no esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.

Na nosa comunidade únense a esta iniciativa, entre outros, as bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), do Museo Etnolóxico Ribadavia-Ourense e do Museo de Belas Artes da Coruña, todos eles dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O festival desenvolverase no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop. A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana. O dúo compostelán Boyanka Kostova pechará o festival Acento 2025 coa súa proposta retranqueira, na que o urbano e os sons máis contemporáneos conviven co tradicional.
Foto de la tercera plana (union-europea.jpg) O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción, onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións. No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión.

Notas

Entre os anos 2016 e 2018, o experimento ANITA (Antarctic Impulsive Transient Antenna), unha rede de antenas montada en globo sobre a estratosfera da Antártida, detectou dous misteriosos sinais de emisión de radio que espertaron un grande interese na comunidade científica. Parecían proceder do interior da Terra, coma se a partícula que as producise tivese atravesado miles de quilómetros do subsolo sen interactuar con ningunha outra partícula.
O International Space Science Institute-ISSI acaba de prolongar dous anos máis o proxecto que desde o ano 2022 desenvolve un equipo internacional liderado polo físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel que estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES