Notas de prensa

O Mapa Literario de Santiago, unha das principais propostas de Compostela na Feira do Libro de Bos Aires (Arxentina)

Santiago de Compostela é a cidade convidada da 42ª edición da Feira do Libro de Bos Aires (Arxentina) na que participan máis de 20 países e cada edición recibe máis de un millón de visitas. Con este motivo, o concello presenta un catálogo de actividades entre as que figuran a presentación de Compostela Colateral e do Mapa Literario de Santiago, según presentou o alcalde Martiño Noriega.

O alcalde explicou que "o proceso polo que Compostela é a cidade invitada na Feira de Bos Aires foi lanzado pola Xunta de Galicia, que está levando o peso da organización. O Concello colabora cun espazo propio, e con actividades paralelas". Martiño Noriega salientou a importante oportunidade de promoción que supón esta cita, posto que "a Feira do Libro de Bos Aires recibe en cada edición máis de 1.200.000 visitas, e nela participan máis de 20 países e uns 500 expositores". Compostela é, ademais, "a terceira cidade en ser invitada, despois de Amsterdam e México DF, e antes de París, que terá esa honra na edición de 2017".

Compostela Colateral

Ademais de ser partícipe na programación deseñada pola Xunta, o Concello de Santiago organizou un ciclo paralelo que, baixo o nome de Compostela Colateral, achegarase á literatura galega actual dun xeito novidoso, a través de lecturas dramatizadas, performances e charlas nocturnas que se prolongarán durante tres semanas.

A concelleira de Acción Cultural explicou que para participar nestas actividades, o Concello sumou á delegación que viaxa a Bos Aires aos escritores Teresa Moure, Clara Gayo, Diego Ameixeiras e Antón Lopo. Os catro estarán no Club Cultural Matienzo, un espazo de referencia na capital arxentina dedicado á cultura independente.

Teresa Moure presentará o seu último libro, Ostrácia, cunha lectura performática; Clara Gayo fará unha intervención titulada O meu libro, o meu corpo, na que mestura a lectura dramatizada e o audiovisual; e Antón Lopo protagonizará Lampíricos, unha performance poética que busca "o contacto directo co espectador a través de preguntas sucesivas que crean unha atmosfera inquietante". Por último, o escritor Diego Ameixeiras manterá unha charla nocturna sobre novela negra co autor arxetino Kike Ferrari. Os dous falarán das "posibilidades de renovación dese xénero, que entenden como algo que vai máis alá do puro entretemento e pode servir para ser crítico coa realidade social que nos rodea".

Branca Novoneyra incidiu en que "Compostela Colateral parte do convencemento de que a literatura actual é necesariamente oral, e por iso se bota man de lecturas, performances e coloquios para relacionar a literatura independente que ten a súa base en Santiago con espazos culturais independentes de Bos Aires".

Mapa Literario

No marco do ciclo Compostela Colateral, a concelleira de Acción Cultural presentará o Mapa Literario de Santiago de Compostela, tanto no propio recinto da Feira do Libro como na Libraría Eterna Cadencia, unha das máis recoñecidas de Bos Aires. Branca Novoneyra sinalou que o mapa, unha idea orixinal do colectivo Compostela Literaria, "está pensado para os que saben que as palabras constrúen as cidades, e para os que queren descubrir Compostela a través da literatura".

A concelleira de Acción Cultural explicou que no mapa recóllense lugares vinculados a fragmentos literarios de 14 autores, algúns deles actuais como Suso de Toro, Teresa Moure ou Lupe Gómez, e outros que forman parte da historia da literatura como Rosalía de Castro, Otero Pedrayo ou Ramón María del Valle-Inclán. Outra das referencias é Federico García Lorca, "porque os escritores que nos visitaron tamén axudaron a construír a Compostela literaria".

O mapa está editado en papel en galego, castelán e inglés, pero o proxecto vai máis alá e é unha App para teléfonos móbiles, que por agora só está dispoñible en castelán. Nela tamén se pode acceder a unha guía de editoriais e librarías de especial relevancia en Compostela.

Axenda institucional e programación da Xunta

O alcalde aproveitará a viaxe a Bos Aires para manter diversos contactos institucionais. Así, antes da inauguración oficial da Feira está previsto que o rexedor realice unha visita institucional ao Goberno de Bos Aires, e outra ao Centro Galego de Bos Aires. Martiño Noriega tamén manterá unha audiencia co Embaixador de España en Bos Aires, visitará o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, a sede da Federación de Sociedades Galegas e o Museo da Emigración. A axenda do alcalde na capital arxentina complétase coa súa participación no acto de celebración "Buenos Aires celebra Galicia", e cunha conferencia invitado pola Central de Traballadores Arxentinos.

à marxe da programación propia do Concello, a participación de Compostela na Feira do Libro de Bos Aires traducirase en preto de 150 actividades, organizadas pola Xunta e nas que o Goberno local tamén puido facer as súas achegas. No programa figuran coloquios, presentacións de novos títulos, recitais, obradoiros, encontros con lectores ou exposicións, nos que terán un gran protagonismo a cidade de Santiago, o Camiño ou o Códice Calixtino.

A Bos Aires viaxarán 25 autores e autoras representativos dos diferentes ámbitos da escrita, e nalgúns casos moi vinculados á capital galega, como Manuel Rivas, Ramón Villares, María Meijide, Miguel Anxo Fernán-Vello ou Yolanda Castaño. Na delegación tamén participarán editoriais e empresas de distribución, que terán o seu espazo no stand de máis de 200 metros cadrados coordinado pola Xunta en colaboración co Concello e coa Asociación Galega de Editores.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2016-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES