
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, participaron na promoción do selo Galega 100% no partido de baloncesto entre o Ourense Provincia Termal e o C.B. Prat Joventut.
Ambas repartiron minibricks de leite con este selo de calidade diferenciada e folletos informativos sobre a orixe deste produto entre os asistentes ao encontro no Pazo dos Deportes Paco Paz. Nesta promoción tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad.
A conselleira destacou que baixo este selo de Galega 100% identifícase o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. Incidiu tamén en que a materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de granxas inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.
Esta acción de promoción en Ourense complementa as actividades levadas a cabo por toda a Comunidade da man da Administración galega. Así, en diferentes puntos de Galicia programáronse diferentes charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks en eventos deportivos, feiras agroalimentarias e outros actos con importante afluencia de público.
A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.