
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou a Casa das Rodas, en Arboiro, San Xoán de Río, onde o escultor Florencio de Arboiro ten recollidas singulares pezas da etnografía e dos oficios populares de Galicia, e sinaladamente a colección máis importante sobre rodas de afiar. No seu percorrido, Baltar estivo acompañado, ademais de Florencio de Arboiro, polo historiador Jesús de Juana.
O presidente do goberno provincial destacou trala visita que Florencio de Arboiro mantén viva a identidade ourensá e confirmou que a Casa das Rodas será o berce do futuro Museo da Roda de Afiar que a Deputación porá en marcha en 2017, tal e como figura no Plan Ourense 15-19.
Sobre a tradición e a importancia que os afiadores tiveron na nosa provincia, Manuel Baltar remarcou que eles eran auténticos emprendedores, xuntando a creatividade, o traballo e o carácter emigrante que definen a alma dos ourensáns e da nosa terra, e referíndose a Florencio de Arboiro afirmou que é un ourensán universal, comprometido co noso patrimonio material e inmaterial, nesta "terra da chispa" que debe este alcume aos afiadores, auténticos embaixadores de Ourense.
Pola súa banda, Jesús de Juana puxo en valor tamén o traballo de investigación e recuperación de toda esta achega etnográfica e histórica por parte de Florencio de Arboiro ao longo da súa vida.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.