
A cidade de Ourense será, por segundo ano consecutivo, sede do Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino, evento que celebra xunto coa cidade de Lugo (que xa vai pola decimosexta edición). Centos de estudantes de Secundaria de toda Galicia asisten a este evento e, de paso, veñen a coñecer a nosa cidade. Na presentación da primeira sesión estiveron a concelleira de Educación, Belén Iglesias, e a profesora titular de Filoloxía Grega da USC, Teresa Amado, coordinadora do festival desde 2001, e Isabel Doval Ferro, coordinadora de programas educativos do Concello de Ourense.
A finalidade desta actividade é a de achegarlle, a través do teatro, o pensamento, a lingua e a cultura de Grecia e Roma aos máis novos. Para sacarlle o maior rendemento pedagóxico a esta experiencia, o festival edita cada ano os títulos das obras representadas nos festivais, traducidas por profesores de Clásicas e acompañadas por unha unidade didáctica, para ser enviadas con antelación a cada un dos alumnos inscritos no festival. En Galicia o festival está organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos que ten a súa sede na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Conscientes da distancia que separa Lugo dalgunhas zonas de Galicia e do esforzo económico e de tempo que os desprazamentos supoñen para os asistentes, a Concellería de Educación trouxo o teatro a Ourense con dúas representacións ás que asistiron 1467 persoas, alumnado e profesorado, da cidade e das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense. Este ano apostouse aínda máis, con dous días de teatro con catro representacións, ás que asistirán 2.749 alumnos e profesores de 49 centros de ensino das 4 provincias galegas e de Zamora. Desta forma, o festival non só se consolida en Ourense, senón que xa é a sede galega con máis alumnos e alumnas.
O programa de hoxe abranguía o Edipo Rei, de Sófocles, e a Cásina, de Plauto. Para este mércores, as representacións serán Euménides, de Esquilo, ás 12:00 horas, e Xemeos, de Plauto, ás 17:00 horas.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.