
A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ven de ser distinguida co Premio Excelentia a la Cultura 2016, un galardón que recoñece a traxectoria e os proxectos culturais máis destacados no ámbito da música e da cultura. O acto de entrega do prestixioso galardón, que conta coa Raíña Dona Sofía como presidenta de honra, terá lugar o vindeiro 13 de abril no Auditorio Nacional de Madrid, e a el acudirá para recoller o premio o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen afirma que este recoñecemento é a merecida homenaxe aos mellores embaixadores da cultura musical de Ourense e Galicia, que son as mozas e mozos que integran e integraron á Real Banda ao longo da súa historia e ao seu director, Xosé Lois Foxo.
Baltar considera que a Real Banda de Gaitas é o mellor exemplo de amor pola terra, pola defensa das tradicións e polo mantemento dunha cultura, a musical, da cal Ourense e Galicia teñen na gaita o seu singular e máximo expoñente universal, e remarca que a iso debemos unir o espírito emprendedor impulsado polo fundador da Real Banda, o seu director, Xosé Lois Foxo, un espírito que soubo transmitir aos centos de xóvenes que ao longo de trinta anos pasaron pola formación musical como gaiteiros ou percusionistas.
Manuel Baltar afirma que a música tradicional en Ourense ten un inequívoco sinal de identidade: a Real Banda de Gaitas, referente non só no ámbito musical senón tamén investigador, social e cultural. Unha verdadeira enciclopedia de pentagramas, tradición e convivencia, subliña o presidente da Deputación.
A Real Banda de Gaitas recibe o premio Excelentia a la Cultura na categoría de Proxectos culturais, mentres que nos outros ámbitos os premiados son: a mezzosoprano Teresa Berganza (traxectorias profesionais); o conservatorio Rodolfo Halffter (Proxectos educativos); o Teatro Real e Radio Clásica (Efemérides institucionais), e Abanca, BMW, Cofares e Chopard (Empresas comprometidas coa cultura).
A Fundación Excelentia, organizadora dos premios, desenvolve a súa actividade no campo da cultura e foi creada para contribuír á difusión do patrimonio lírico-musical e impulsar a creación e representación das artes musicais en todas as súa variedades. A fundación ten un forte compromiso social e desenvolve proxectos educativos que inclúen concertos pedagóxicos para nenos, axudas para a formación musical , cursos de música para nenos e concertos benéficos a prol das fundacións Reina Sofía, Luca de Tena e Síndrome de Down.
A entrega do premio á Real Banda de Gaitas terá lugar o vindeiro 13 de abril, ás 19.30 horas, na Sala Sinfónica do Auditorio Nacional de Madrid, acto no que a Orquesta Clásica Santa Cecilia interpretará a Sinfonía nº9 de Beethoven.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.