
Xosé Lois Foxo actualiza Os segredos da gaita coa publicación da sétima edición deste manual de referencia sobre o instrumento, nunha versión corrixida e ampliada promovida pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, que ve a luz co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O gaiteiro e escritor presentou a obra nunha rolda de prensa na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o seu labor de investigación, así como o traballo desenvolvido na Escola Provincial de Gaitas da Deputación. A sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, acolleu a presentación da obra, nun acto que contou coa interpretación musical dos gaiteiros Marco Foxo e Noelia Díaz.
A primeira edición da obra editouse en 1982 e desde entón Os segredos da gaita foi traducida ao alemán, ao inglés, ao francés, ao xaponés, ao chinés e ao castelán. Esta nova edición, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, realiza un percorrido pola historia da gaita, polos seus persoeiros fundamentais, por algunhas das pezas musicais máis sobranceiras, así como polas técnicas do instrumento, e inclúe materiais audiovisuais.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.