
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega promoven No bico un cantar 2016, a cuarta edición desta iniciativa na que se funden música e poesía e que neste ano rende homenaxe aos trobadores. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presentaron a actividade, que se desenvolverá en Cangas o 3 de xuño. A rolda de prensa contou ademais coa participación do director artístico do concerto, Maximino Zumalave; do concelleiro de Cultura de Cangas, Héitor Mera; e coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e de Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG.
O conselleiro sinalou esta iniciativa como unha oportunidade única para poñer en valor a formación musical que se imparte nas escolas e conservatorios públicos de Galicia, ao tempo que se promove o coñecemento por parte dos máis novos da obra dos trobadores galegos, dos versos case que fundacionais das nosas letras que son, ademais, musicados por grandes compositores da nosa terra: Heitor Villa-Lobos, Rogelio Groba, José Baldomir e Juan Durán.
Román Rodríguez lembrou o papel fundamental ao longo da historia da música, tanto como vehículo de transmisión cultural como na propia educación. Neste sentido salientou a ampla rede de conservatorios e escolas públicas de música existentes en Galicia, que permiten o acceso á cidadanía a unha formación de calidade nunha disciplina que xa na Grecia clásica era parte fundamental do ensino.
O conselleiro quixo, ademais, agradecer ao Consello da Cultura Galega e ao Concello de Cangas a súa implicación na organización desta cuarta edición de No Bico un Cantar, e manifestou a súa confianza en repetir o éxito de anos anteriores.
Lírica galego-portuguesa
Despois do éxito das tres anteriores edicións, dedicadas a Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Ramón Cabanillas e celebradas en Santiago de Compostela, Celanova e Cambados, respectivamente; No bico un cantar recolle este ano a tradición trobadoresca nas voces e instrumentos do alumnado dos conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento do quinteto de metais Hércules Brass.
Nesta edición interpretaranse 5 pezas, das que unha delas se estreará no concerto. Trátase da cantiga Pois nosas madres, da autoría de Pero Viviaez e con música de Rogelio Groba para coro infantil e sexteto de metal encargada para a ocasión. O alumnado participante no concerto interpretará, ademais, Canción do mariñeiro, da autoría de Lourenço e con música de Héctor Villa-Lobos; Quanto sabedes amar-Ondas do mar de Vigo, con texto e música de Martín Códax; e Rosa das Rosas, da que é autor e compositor Alfonso X O Sabio. Así mesmo soará Maio longo, de Rosalía de Castro, con música de José Baldomir.
Agás no caso da peza que se estrea, o compositor Juan Durán foi o encargado de facer as versións e arranxos pertinentes nas partituras. Así mesmo, os textos foron revisados por Henrique Monteagudo.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.