
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) achégase ao universo creativo de Antoni Socías coa mostra Teoría e práctica do deserto, que abre o programa expositivo do centro neste 2016. Comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, a mostra ofrece un percorrido polos procesos de traballo do artista mallorquín, nos que vincula a fricción, a fotografía, a pintura, o obxecto, a instalación e o vídeo.
Ata o 12 de xuño, a mostra de Socías pode verse na planta soto, no Dobre Espazo, no Espazo de Proxectos, na Cantina e na entrada do CGAC, onde foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do centro e por CaramoFanta, artista moi vinculado á traxectoria profesional e persoal de Socías.
A exposición recolle o traballo do artista en diferentes etapas da súa vida profesional, pero tamén inclúe obra nova. Na mostra ofrécese un cuestionamento constante da obra, do seu sentido e dos seus significados, establecendo relacións de fricción entre forma e contido. No seu universo creativo a predilección polos paradoxos e tamén polo absurdo convértese sutilmente nunha larvada crítica social e política desde as pequenas cousas, subliñando a importancia das actitudes no cotián.
O traballo de Antoni Socías renóvase constantemente no formal, por iso é difícil establecer un criterio de estilo recoñecible na súa obra. No entanto, é nas metodoloxías de traballo onde, de maneira sistematizada, é posible recoñecer unha orixinal visión de percorridos e un estilo de cuestionamento, atravesado polo humor, a provocación, o paradoxal e o performático.
Nocións básicas do artista
A mostra recolle as nocións básicas que sustentan o mundo do artista. Son concretamente doce os piares que motivan o traballo e a súa actividade reflexiva. Catro deles, perturbación, ocultación, desdobramento e autorretrato, ademais de seren conceptos ideolóxicos en por si, son ao mesmo tempo procesos que xeran liñas de traballo.
Os procesos complétanse con piares como responsabilidade, absurdo, negación, ocultación ou desdobramento, nos que o artista reflexiona sobre a súa obra e a relación desta co mundo froito dun estudo moi profundo sobre o proceso creativo. Por último, o autorretrato consiste nun exercicio de análise profunda do que é o artista, non só fisicamente, senón tamén no plano anímico.
Actividades arredor da obra de Socías
Como complemento á exposición, o CGAC organiza dúas actividades vinculadas á obra do artista. Esta tarde, ás 19:00 horas previamente á inauguración da exposición, que terá lugar ás 20:00 horas Socías compartirá unha conversa aberta ao público co director do CGAC e tamén con CaramoFanta;mentres que na fin de semana, os días 2 e 3 de abril,impartirá o laboratorio de ideas Nin tan perfecta é a ciencia nin tan sublime a arte, no que os participantes poderán debatir diferentes propostas que vincularán a arte coa ciencia, a filosofía e a psiquiatría.
O laboratorio está destinado a artistas profesionais, estudantes de arte de cursos avanzados, filósofos e científicos con inclinación pola arte e a cultura. As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a [email protected] chamando ao teléfono 981 546 602. O prezo da matrícula é de 20 euros.
Hoxe, a partir das 21:30 horas, despois da inauguración da exposición, Enric Socias, encargado da imaxe, e Borja Vega, do son, ofrecerán en directo a performance audiovisual titulada HIPN.
Un artista multidisciplinar
Antoni Socías cursou estudos na Escola Superior de Belas Artes Sant Jordi de Barcelona. A súa actividade é multidisciplinar ao combinar o deseño gráfico, a fotografía, a comunicación publicitaria coa actividade artística. Impartiu talleres de fotografía e comisariou exposicións en diversos centros. A a súa obra foi exposta en innumerables galerías de arte e museos do todo o mundo, e foi adquirida para as coleccións en importantes museos como Artium de Vitoria, Centro de Arte Reina Sofía de Madrid ou Es Baluard de Palma de Mallorca.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.