
O Salón Teatro, espazo compostelán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é un dos cinco escenarios que acollen este ano a nova edición do ciclo Santiautor, dentro do que o venres día 1 de abril actúa o dúo coruñés Escuchando Elefantes e o sábado 2 farao a cantautora Adriana Moragues xunto á poetisa Elvira Sastre. Ambos os concertos están programados para as 22.00 horas.
Santiautor é unha iniciativa da sala Sónar, que nesta sétima entrega ofrece un total de 24 citas coa canción de autor tanto da man de figuras moi coñecidas polo gran público, como Ismael Serrano, La Bien Querida ou Carmen Boza, como de talentos emerxentes. O Auditorio La Salle, o Teatro Principal e a sala Capitol son os outros tres escenarios deste programa, que arrancou o pasado 4 de marzo con Rubén Pozo e rematará o 14 de maio con Marwan.
Xiras internacionais
Nesta edición destaca, ademais, unha maior presenza dos músicos galegos cun total de 16 actuacións, entre elas a que ofrecerá este venres na sede do Centro Dramático Galego Escuchando Elefantes. Silvia Rábade e Carlos Tajes integran este dúo, que comezou a súa aventura tocando nas rúas da Coruña e que chega a Compostela despois de ter levado a cabo xiras por Reino Unido e Irlanda, país este último no que compartiu experiencias xunto a grandes nomes da música como Bono de U2, Glen Hansard, Paddy Casey, Damien Rice, Lisa Hannigan e Sinead O'Connor, entre outros.
Tras a boa acollida do seu primeiro álbum, Show & Tell, en 2014 publicaron Happy Lonely People, gravado entre España, Irlanda, Reino Unido e Estados Unidos. O seu primeiro videoclip, Gardens Road, realizado pola produtora galega Miss Movies, obtivo en 2015 o premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual na súa categoría, ademais de máis de 40 recoñecementos e seleccións en festivais internacionais.
Música e poesía
A segunda cita do Santiautor no Salón Teatro consiste nun espectáculo de música e poesía protagonizado pola cantautora e ilustradora Adriana Moragues, que nestes momentos está a presentar o seu primeiro disco baixo o título de Vértices; e da escritora Elvira Sastre, autora dos poemarios Cuarenta y tres formas de soltarse el pelo, Baluarte e Ya nadie baila.
Xuntas teñen tamén un proxecto artístico-literario, Acualírica, que casa a poesía de Elvira coas acuarelas de Adriana, mentres que o seu espectáculo de música e poesía en directo colga o cartel de completo en case todas as súas citas. De feito, contan con decenas de miles de seguidores nas redes sociais e lideran as listas dos libros máis vendidos do país.
As entradas para ambos os concertos están xa á venda a través da web www.entradas.abanca.com e na billeteira do Teatro Principal, aberta ao público de martes a sábado, máis os días nos que hai evento, de 18.00 a 21.00 horas. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse o venres e o sábado desde as 20.00 horas.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.