
A nova edición do Festival Mondoñedo é Poesía regresa en 2016 cun programa dirixido a lle achegar á cidadanía este xénero literario, a través da posta en valor do patrimonio literario mindoniense e das voces actuais das letras galegas. Con este obxectivo, a terceira edición do evento, que se celebra o 1 de maio no municipio lucense, contará coa participación de destacadas figuras, como María Lado e Lucía Aldao, Antonio García Teijeiro, Mª José Fernández, Antía Juncal, Martiño Maseda, Darío Xohán Cabana, Mateo Buján, Margarita Bermúdez, Moncho García, Raúl Costas, Xosé Ruíz Leivas, Xosé Artiaga, Carmen Rodríguez Lage e César Morán, xunto co Coro Mestre Pacheco.
Estes autores e autoras serán os protagonistas do recital poético na rúa que se desenvolve nas prazas da Catedral, do Concello e Jaime Cabot. A continuación, o auditorio Pascual Veiga será o escenario dun recital poético-musical en homenaxe ao poeta asturiano e bispo de Mondoñedo Manuel Fernández de Castro.
A programación desta terceira edición do festival foi presentada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; polo presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto; e por Antonio Reigosa, membro do colectivo Mondoñedo É. Estas dúas últimas entidades son as promotoras dun festival que conta un ano máis coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e do Concello de Mondoñedo, e que se desenvolverá o primeiro día do mes das letras en diversas prazas e rúas do concello mindoniense, aínda que na véspera, o 30 de abril, xa comezarán algunhas das propostas.
Ese día, terá lugar a iniciativa Debuxando Mondoñedo, así como a Expo-libro Mondoñedo, que se prolongará ata o 1 de maio. Estas actividades paralelas completaranse coa exposición fotográfica Mondoñedo sentimental. Vidas e paisaxes e cun Tendal de poesía, que amosará diversos traballos realizados por escolares.
Divulgación da poesía en galego
Mondoñedo é Poesía ten como principal finalidade achegar este xénero literario á rúa para a súa difusión entre todos os públicos, poñendo en valor o patrimonio literario mindoniense en particular e o galego en xeral. Partindo do legado literario de figuras como as de Álvaro Cunqueiro, de Leiras Pulpeiro, Díaz Jácome e moitos outros escritores nados en Mondoñedo ou que tivesen este concello como lugar de formación ou inspiración, o festival quere dar a coñecer novas figuras literarias que cultivan a poesía en galego a través de actividades dirixidas a todas as idades.
A Academia de la Llingua Asturiana, o IES San Rosendo, o CEIP Álvaro Cunqueiro e a Deputación de Lugo tamén apoian a terceira edición do festival.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.