Notas de prensa

Manuela López Besteiro, entr os galardoados cos Premios Consumo Responsable 2016

A exconselleira da Xunta Manuela López Besteiro, a Asociación de Amas de Casa da Coruña e Miguel López Crespo reciben os Premios Consumo Responsable 2016. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiu a entrega duns galardóns cos que se pon en valor o traballo dos distintos axentes sociais na protección e divulgación dos dereitos dos consumidores en Galicia.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiu a entrega dos Premios Consumo Responsable, que na súa primeira edición recoñecen o labor de Manuela López Besteiro, presidenta do Consejo de Consumidores y Usuarios, que recibiu o Premio Honorífico; a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña, presidida por Rosa Otero, á que se lle concedeu o Premio Traxectoria; e Miguel López Crespo, secretario xeral da UCGAL, que obtivo o Premio Divulgación.

No acto no que se entregaron estes galardóns, cos que se pon en valor o traballo dos distintos axentes sociais na protección, promoción e divulgación dos dereitos dos consumidores en Galicia no marco da Semana Mundial dedicada a este colectivo, Conde recoñeceu o esforzo, a dedicación e a entrega dos tres premiados.

Do mesmo xeito, subliñou a convicción e o compromiso con que a Xunta asume as súas obrigas cos consumidores desde os distintos departamentos do Goberno, apuntando o papel clave que xoga o Instituto Galego de Consumo garantindo a seguridade dos produtos que se atopan á venda, impulsando a información e o asesoramento e mediando na resolución de conflitos entre empresas e consumidores.

Así, lembrou que no eido da inspección e control do mercado, Galicia conta cunha ferramenta única, o Laboratorio de Consumo de Galicia, que efectuou case 8.000 análises en 2015, situándose o IGC como a segunda autoridade autonómica que máis produtos inseguros comunicou á Rede de Alerta Nacional o ano pasado. Ademais, a acción coordinada coa Inspección de Consumo permitiu retirar do mercado en 2015 preto de 12.000 unidades de produtos inseguros.

No ámbito do asesoramento e a resolución de conflitos, atendéronse máis de 32.000 consultas, tramitáronse preto de 20.000 reclamacións e emitíronse o pasado ano case 3.000 laudos arbitrais, achegando unha vía rápida, eficaz e gratuíta para a solución dos problemas que xorden entre consumidores e empresas.

No tocante á información e a formación, imprescindible para a protección efectiva dos dereitos dos consumidores, máis de 5.500 persoas participaron nas máis de 200 actividades organizadas pola Escola Galega de Consumo. Ademais, vénse de poñer en marcha unha nova páxina web máis intuitiva e accesible que incorpora un asistente para xestionar as reclamacións.

Ningunha destas cifras tería sido posible, tal e como apuntou o conselleiro, sen a colaboración das asociacións deste ámbito, apuntando que a defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios redunda “en produtos e servizos de máis calidade que fan máis competitivas as nosas empresas e nunha sociedade máis xusta para todos”.

Premio Honorífico

Manuela López Besteiro preside desde o 2013 o Consejo de Consumidores y Usuarios, órgano de representación das asociacións de consumidores en España que ten entre as súas tarefas influír na toma de decisións de políticas de consumo. Cunha traxectoria na que destaca o seu labor como deputada e conselleira da Xunta, hoxe traballa desde o Consejo nas principais iniciativas en materia de consumo do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Un dos seus principais obxectivos é acadar o consenso de tódolos axentes implicados, coa fin de protexer os dereitos das persoas consumidoras e usuarias. Unha grande capacidade de diálogo e o seu esforzo a prol dunha maior visibilidade do traballo das asociacións do sector son dúas das sinais de identidade de Manuela López Besteiro á fronte do Consejo de Consumidores y Usuarios.

Premio Traxectoria

A Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña é unha entidade pioneira en Galicia, presidida na actualidade por Rosa Otero. Foi a primeira organización inscrita no Rexistro Galego de Consumidores e este ano celebra o seu 50 aniversario cunha destacada implantación na provincia a través de 49 oficinas e máis de 39.300 socios.

A Asociación foi o xerme de BRÉTEMA, Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, que alcanza todo o territorio galego. Participa tamén nos Consellos Autonómicos e Nacionais e colabora con outras organizacións a nivel internacional. Durante estes anos tivo como presidentas a Mª Dolores Martínez, a Begoña Bonet e desde o 2006 a Rosa Otero.

Premio Divulgación

O avogado compostelán Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), achega asesoramento en eidos como a sanidade, o comercio ou o medio ambiente. Vicepresidente do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, ao longo dos máis de 13 anos vinculado a este órgano desenvolve unha labor moi activa. Participa tamén no Consello de Dirección do Instituto Galego de Consumo e no Consello Económico e Social de Galicia, entre outros. En todo este traballo unha peza fundamental é a súa presenza nos medios de comunicación, destacando como unha voz experta en temas de defensa do consumidor.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES