
A parlamentaria nacionalista, Ana Pontón participou hoxe na xuntanza convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística co fin de acadar o apoio e unidade da maioría forzas políticas en defensa da lingua galega tras as recomendacións do Comité de Expertos e do Comité de Ministros do Consello de Europa ao goberno galego a elaborar un novo decreto para o uso do galego cun amplo respaldo social e político así como a derrogación daqueles artigos do decreto 79/2010 que limitan o uso.
Pontón anunciou que o BNG rexistrará e apoiará a moción en defensa do idioma galego en todos aqueles concellos nos que teña representación e criticou que a presenza do Partido popular na xuntanza celebrada hoxe en sede parlamentar, representara un acto de cinismo político e unha burla a todos os asistentes.
Na súa intervención, a deputada recalcou que o galego é a maior creación colectiva do noso pobo e que nos fai estar no mundo con voz propia polo que resulta urxente, que o Partido popular mude a súa política lingüística contraria a normalización do noso idioma. O decreto do plurilinguismo, abondou a parlamentaria, é un esperpento xurídico e unha ofensa a nosa dignidade como pobo polo que demandou do Goberno galego a súa derrogación.
O acto convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística pretende impulsar un debate sobre a necesidade de derrogar o decreto e acadar o compromiso de todas as forzas políticas en todos os concellos a prol da súa modificación e en defensa da normalización do idioma galego en todos os ámbitos.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.