Notas de prensa

Esquerda Unida denuncia unha nova cacicada da Xunta no Castelo de Monterrei

Esquerda Unida, unha vez máis, recorda a aberración acontecida na comarca de Monterrei pola teima da Xunta de Galicia de seguir a especular co ben común, esta vez, mediante a construción dun hotel de luxo no Castelo de Monterrei, toda unha agresión inxustificable ao Patrimonio cultural.

As obras de rehabilitación do Castelo de Monterrei continúan pese a que, dende o inicio, todas as organizacións de preservación do noso patrimonio cultural, especialmente a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, as criticaban. “Non entanto, agora, se coñece un novo capítulo no errado e sospeitoso comportamento mercantilista da Xunta de Galicia respecto ao noso patrimonio en Monterrei”, sinala Xabier Ron, membro da dirección de EU e deputado de AGE.

“Agora sábese que proseguen as obras na Torre das Damas, onde se pretende facer un mirador e un xardín con plantas aromáticas. Mentres, a cidadanía non pode acceder a ningunha destas partes do Castelo. Preguntámonos se ditas obras, que serían ilegais, se están levando a cabo ou gardan o debido respecto a unha sentenza de decembro que anulaba a licenza de obra para construír un hotel de Paradores Nacionais estando á espera de que o recurso interposto ante a Audiencia Nacional se resolva”, sinala Ron.

Neste punto, Ron levará ao Parlamento unha batería de preguntas referidas á situación na que se atopan as obras, que parece que se seguen a realizar no Castelo e se a Xunta de Galicia cre que a conversión desde Ben de Interese Cultural (BIC) nun hotel parador, que se mantén pechado varios meses ao ano, é beneficiosa para a cidadanía galega.

“En efecto non só a Xunta entregou por un tempo de 75 anos un BIC e un Monumento Nacional á empresa Paradores S.A. (en situación de ERE dende novembro de 2012), senón que as obras seguen a realizarse baixo o silencio e mantendo o recinto pechado, sen que a cidadanía poda acceder e gozar do Castelo”, recorda Ron.

“O 7 de agosto de 2015, o presidente Núñez Feijóo comentaba, logo da súa inauguración como parador, que este Castelo pertencía á mellor rede de hoteis de Europa. Preguntámonos se o destino dun BIC é permanecer pechado durante varios meses ao ano. Este feito demostra que non tivo ningún sentido a conversión do Castelo de Monterrei en parador. E moito menos, cando o vello parador, situado a uns escasos 500 metros, xa coñece peches temporais que exceden o acordado”, termina.

Gabinete de prensa de EU, 2016-02-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES