
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acudiu hoxe ao Parlamento para participar no debate á totalidade do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. O titular de Cultura afirmou que, desde a Administración autonómica,estamos obrigados a buscar unha nova xestión, máis simple e achegada aos cidadáns, marcando como liña mestra non reducir os niveis de protección dos bens e reorganizar a súa xestión administrativa.
Rodríguez destacou o carácter participativo e aberto na redacción deste texto legal, falado cos actores implicados; expresou a máxima vontade de diálogo para acadar unha norma co maior consenso posible e rematou a intervención amosando a súa certeza en que a nova lei evitará indeterminacións e demoras que poidan debilitar na práctica a efectividade das actuacións de conservación e salvagarda do Patrimonio Cultural de Galicia.
Con esta regulamentación, desde a Xunta búscase corrixir as dificultades obxectivas da xestión administrativa, adecuando as dilixencias ás necesidades sociais actuais e incorporando os cambios introducidos no marco xurídico xeral, a lexislación comparada e as convencións internacionais que definen novos tipos de patrimonio. Ademais, a lei desenvolve instrumentos de planificación, tanto de ordenación dos bens patrimoniais como de carácter territorial, e define especificamente novas modalidades de patrimonio.
Aspectos salientables
Entre as principais novidades da lei o titular de Cultura sinalou a incorporación ao marco legal de novos patrimonios recoñecidos por organismos internacionais, como o de carácter arqueolóxico subacuático; ou a procura dunha maior implicación e coordinación coas entidades locais. Isto último toma corpo legal a través da habilitación para que os concellos poidan autorizar as intervencións en determinados bens catalogados do patrimonio arquitectónico e etnolóxico, nunha aposta pola seguridade xurídica e unha maior axilidade administrativa.
O titular de Cultura explicou que no actual proxecto legal non se modifican os niveis de protección definidos na norma do 1995, pero como consecuencia da experiencia adquirida desde o punto de vista administrativo na aplicación desta mellórase a relación de casos previstos no réxime sancionador, pasándose así de 23 infraccións administrativas tipificadas na norma actual a 54 no proxecto de lei sometido a trámite parlamentario.
Outros aspectos destacados son o feito de que se acentúa a máxima protección do noso patrimonio máis sobranceiro e que se propón unha mellora da xestión dos bens sustentada, por unha banda, na ordenación dos instrumentos que os regulan e, por outra, na reorganización da súa xestión administrativa.
A habilitación legal
A reorganización administrativa que se propón explicou Rodríguez−, fundaméntase nun incremento da participación e implicación dos concellos, axilizando a tramitación dun xeito garantista, sen merma de cautelas nin risco para o patrimonio cultural de Galicia. Para isto introdúcese, como unha das principais novidades da lei, a habilitación legal, que, como se ten dito, procurará unha maior axilidade administrativa e implicación de todas as administracións para unha maior proximidade aos cidadáns.
A este respecto, o conselleiro subliñou que non se trata dun cheque en branco, e que esta habilitación terá unha serie de condicións que haberá que cumprir, como a sinatura dun convenio coa Xunta, acreditar a existencia de cadros técnicos precisos e contar co planeamento urbanístico aprobado. Así mesmo, a habilitación que sempre será de carácter voluntario−, estará circunscrita ás actuacións nuns determinados tipos de bens, nos que quedan excluídos os de interese cultural, o patrimonio eclesiástico, o artístico e o arqueolóxico.
Os Camiños de Santiago na Lei
As novidades máis destacadas da lei en relación ás rutas xacobeas son a inclusión do Camiño de Inverno como unha das rutas principais do Camiño de Santiago; e que se poda incoar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) dunha ruta se os concellos polos que esta discorre o piden por unanimidade.
Cómpre lembrar que a inclusión do Camiño de Inverno como unha das rutas principais dentro da nova Lei convértese nun paso esencial para o recoñecemento oficial da mesma. A devandita inclusión é froito dos estudos que acreditan a historicidade desta ruta realizados os últimos anos polos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Protección para o Camiño
Ademais, explicou o conselleiro, para avanzar pola senda dunha protección efectiva do Camiño de Santiago elaborarase un Plan Territorial Integrado de Protección e Valorización no que se establezan as liñas xerais para o mantemento e a conservación dos valores culturais dos Camiños e para garantir unha ordenación do territorio harmoniosa e integrada con eles. O Plan será redactado pola Consellería e aprobado polo Consello da Xunta nos dous anos seguintes á aprobación da Lei.
O ámbito deste Plan estenderase á totalidade dos territorios históricos delimitados e o seu obxectivo principal será a conservación xeral do carácter dos territorios históricos, mantendo as súas características tradicionais. En relación cos tramos do Camiño e os núcleos de poboación relacionados, procurarase manter e integrar o carácter, a tipoloxía, os volumes, o cromatismo, os materiais e as aliñacións existentes de carácter tradicional a ambos os dous lados da traza.
Co Plan Territorial Integrado establecerase de forma unitaria e integrada os principios, normas e criterios que permitan unha maior axilidade nos trámites derivados das preceptivas autorizacións municipais e sectoriais, mesmo no eido da protección patrimonial.
Ferramentas de conservación innovadoras
Para rematar, outra das novidades destacadas da norma que saíu a colación no debate foi a relativa ás novas ferramentas de protección. Neste sentido, a nova lei adopta os avances acordados na reunión de Davos sobre Patrimonio Mundial e incorpora avances para a protección como o establecemento de zonas de amortecemento dos bens. Esta zona ten por finalidade reforzar a protección dos elementos do patrimonio cultural, así como a súa visibilidade e visibilización.
O uso destas zonas son un anovador medio de preservación dos valores dos bens, posto que unha parte importante das ameazas que afectan aos bens integrantes do patrimonio cultural téñense localizado nos límites destes ou nos seus arredores, onde os mecanismos legais adoitan ser máis limitados ou mesmo inexistentes.
O BNG denuncia a pretensión do PP de substituír a actual Lei de Patrimonio aprobada por consenso por outra que só aporta confusión e desprotección e que ten como gran novidade a descentralización de competencias cara os concellos sen antes dotalos de medios humanos e recursos económicos.
No debate parlamentario sobre o Proxecto de lei de Patrimonio remitido pola Xunta, a portavoz parlamentaria de Cultura, Ana Pontón, chamou a atención sobre a difícil situación do patrimonio cultural galego debido a unha lexislación que se incumpre e a uns orzamentos que tachou de ridículos en relación ás necesidades reais.
Neste sentido, a deputada esgrimiu como proba da falta de compromiso do PP co patrimonio do país os minguantes orzamentos adicados a súa preservación e difusión.
A Xunta destina menos de 8 millóns de euros a investimento real do patrimonio cultural, cifra inferior aos 9 millóns de euros que adica a manter a cidade da cultura, o que supón un incremento do 30% fronte ao descenso do 42% experimentado polo orzamento para patrimonio desde 2009, explicou a deputada.
Pontón foi especialmente crítica coa pretensión de pasar a responsabilidade da preservación patrimonial á administración local.
Dinnos que no medio dunha crise económica, sen recursos e sen medios, a gran novidade lexislativa é a descentralización cara os concello, dando a entender que facelo desde a Xunta é pouco menos que dar as costas á cidadanía e actuar con paternalismo, alegou a parlamentaria, quen cualificou de disparate tal argumentación do PP para xustificar a nova proposta normativa.
Para o Bloque, o Proxecto de lei de patrimonio provoca maior desprotección do patrimonio con conceptos que van xerar mais confusión, -como a creación de ata tres rexistros sen relación algunha entre eles-, baleira a Xunta de competencias nesta materia, carece dunha estratexia de participación social na xestión do patrimonio, mantén os privilexios da Igrexa e non resolve como tratar e exhibir os bens arqueolóxicos.
Este proxecto de lei é un salto ao baleiro de última hora co que pretenden tapar a desfeita en materia de patrimonio, concluíu Pontón na defensa da emenda á totalidade do BNG que foi rexeitada.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.