
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Diocese de Lugo van impulsar a posta en marcha do Museo Diocesano e Catedralicio, a través dun convenio de colaboración que asinaron o conselleiro Román Rodríguez e o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. O acordo permitirá salvagardar o patrimonio histórico e artístico moble deste territorio episcopal que abrangue concellos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra e recuperar para a cidade da Muralla unha dotación museística que complemente a súa oferta cultural.
O conselleiro Román Rodríguez salientou que tanto a Xunta como a Diocese somos conscientes da importancia de colaboración en materia de conservación e protección do noso patrimonio cultural, máxime cando se trata dun ámbito territorial que conta cunhas 1.263 parroquias e gran cantidade de núcleos de poboación dispersos e moi despoboados. Isto nos sitúa ante a necesidade de protexer e conservar eficazmente o patrimonio moble máis sobranceiro distribuído polas distintas parroquias desta Diocese, habilitando medidas que garantan a seguridade dos bens.
Este acordo persegue un dobre obxectivo: por unha parte vaise realizar unha intervención no Museo Catedralicio e, doutra banda, garántese a conservación e protección daqueles bens que posúen un valor cultural significativo. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación apoia economicamente unha intervención que ten como principal finalidade a salvagarda do noso patrimonio cultural. Pola súa parte, o Bispado de Lugo comprométese a elaborar un inventario de todos os bens, proceder á súa catalogación e encargarse da negociación coas parroquias do traslado ao Museo daqueles bens do patrimonio moble máis valiosos. Isto é, o compromiso de salvagarda dos bens de maior valor cultural, para asegurar a súa transmisión ás xeracións vindeiras.
Trátase, por tanto, de que o recinto museístico reúna os requisitos necesarios para a custodia destes bens garantindo a súa seguridade, as condicións de conservación preventiva axeitada; e tamén para a súa exposición e difusión. Así mesmo, co fin da salvagarda do patrimonio, a Diocese aportará un inventario dos bens, unha relación das pezas que deben trasladarse ao Museo, e a dotación dun espazo de almacenaxe e depósito.
O investimento total desta intervención será de 332.311,46 euros, dos cales 250.000 euros (o 75,23% do total) serán financiados pola Consellería de Cultura e Educación, e o 82.311 euros restantes pola propia Diocese de Lugo.
A tal fin, instalarase un novo sistema de seguridade nas dependencias do Museo, así como na renovación das áreas expositivas. Para tal fin levarase a cabo un acondicionamento dos espazos, que se dotarán dos elementos necesarios para organizar e ordenar os contidos, os percorridos e o discurso expositivo das pezas existentes xunto coas novas que se incorporen.
Tal como se establece no convenio, a Diocese de Lugo será a encargada de aportar o proxecto técnico das obras así como de contratar os medios humanos, técnicos e materiais necesarios para a súa execución.
Esta colaboración responde á obriga de garantir a conservación e promover o enriquecemento do patrimonio histórico, artístico e documental da Igrexa en Galicia, dada a súa singular importancia cultural e patrimonial. Cómpre salientar ademais que a Diocese de Lugo é a que ten o maior número de parroquias da comunidade, con núcleos moi dispersos e despoboados que supoñen un factor de risco e de deterioro para o patrimonio cultural eclesiástico. De aí a necesidade de preservar estes bens nun espazo axeitado para tal fin que reúna as condicións necesarias.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.