Notas de prensa

Aposta pola promoción da moda e o téxtil galego na mostra Con fío en Galicia

A exposición Con fío en Galicia, na Cidade da Cultura, porá en valor as achegas dos grandes deseñadores, como Adolfo Domínguez ou Roberto Verino, e os logros dun sector, que ten en Inditex o seu principal expoñente logo dunhas décadas douradas con nomes como Florentino, Kina Fernández, Antonio Pernas, Caramelo, e Bimba&Lola.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converterá a moda e o sector téxtil galego nos protagonistas da próxima gran exposición do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, nunha mostra que se inaugurará o 11 de marzo e que busca consolidar a ‘marca Galicia’ coa posta en valor das achegas dos grandes deseñadores galegos e os logros empresariais acadados por un sector estratéxico, constituído por 500 empresas, que dá emprego a 13.000 persoas e que representan o 11% da riqueza da comunidade.

Co título de ‘Con fío en Galicia’, a exposición renderá unha homenaxe ao universo creativo dos deseñadores galegos que lograron situar as súas creacións na pasarela internacional, nomes como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Kina Fernández, Florentino ou Antonio Pernas, pero tamén porá o foco sobre un sector capaz de xerar grupos empresariais líderes, como Inditex, ou a Sociedade Textil Lonia, que xestiona desde Galicia marcas como Carolina Herrera. A confluencia de talento creativo e excelencia empresarial definirán os eixes dunha proxecto que dará conta deste fenómeno singular que representa a moda galega, e que ten situado a Galicia nun punto de referencia no mapa global do téxtil.

Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, prestará unha especial atención á eclosión que se vivíu nos anos 80 en Galicia, convertendo o Gaiás nunha pasarela de creadores na que amosar o peso do téxtil galego no mundo. ‘La arruga es bella’ de Adolfo Domínguez, as creacións de Roberto Verino, Antonio Pernas ou o grupo ‘Galicia Moda’ (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira, María Mariño...) marcarán as décadas douradas da moda galega; protagonismo que estará compartido co fenómeno Inditex, hoxe primeiro grupo téxtil do mundo.

Xunto a eles, a exposición incorporará aos deseñadores e marcas que apareceron entre a década dos noventa e dous mil como Purificación García, Bimba&Lola, D-Due, Chicha Solla, Pili Carrera ou Toypes. Do mesmo xeito, servirá de plataforma para dar a coñecer a novos valores do deseño contemporáneo, como Sara Coleman, Eva Soto o José Castro, que teñen vestido coas súas creacións a iconas como Lady Gaga ou as protagonistas de series como ‘Sexo en Nova York’.

‘Con fío en Galicia’ abrirá un espazo para os creadores emerxentes, aqueles que representan a exploración dos novos camiños e linguaxes, coa colaboración de alumnos da escola Esdemga da Universidade de Vigo ou da Escola Mestre Mateo de Santiago e coa exhibición de proxectos innovadores vinculados a sustentabilidade, como o do colectivo Latitude, ou o a investigación histórica desde unha óptica contemporánea, como o traballo da galega Arantza Vilas de Pinaki Studio, especializada na reconstrución de vestiario medieval, e que ten traballado en series como ‘Juego de Tronos’.

A nova mostra ofrecerá como complemento unha introdución histórica, desde a Prehistoria ata o Romanticismo, e desde o inicio da produción do liño ata a creación dunha rede de tecedoras no rural galego ou as primeiras industrias téxtiles como a empresa de máquinas de coser Refrey ou a Camisería Regojo de Redondela, que chegou a contar con Dalí como modelo das súas campañas publicitarias. Especial relevancia terá tamén a reconstrución de vestimentas de personaxes destacados na Historia de Galicia por parte de creadores contemporáneos.

Entre as 300 pezas que se exhibirán nesa exposición poderán atoparse 150 ‘looks’ singulares e representativos da moda feita en Galicia, así como reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, valiosas coleccións privadas e un escolma de material fotográfico e audiovisual.

Patrocinio e colaboracións

Como todas as exposicións e actividades culturais da Cidade da Cultura, a nova mostra do Museo Centro Gaiás financiarase grazas ao patrocinio do Fondo Gaiás da Emprega Galega (constituído coas achegas das empresas que formaban parte da Fundación Gaiás).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES