Notas de prensa

O I+D+i no rural centra o debate da última reunión de 2015 no Comité das Rexións

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT), que contou cunha baixa afluencia de membros debido á situación de alerta que vive Bruxelas. Os representantes rexionais e locais aprobaron o programa de traballo para 2016.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na última reunión do ano da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité das Rexións europeo (CdR). A reunión contou cunha baixa afluencia de membros da comisión debido á situación de alerta que vive Bruxelas, a pesar de que a cita non se suspendeu en ningún momento. No encontro fíxose un seguimento dos últimos ditames da comisión NAT aprobados polo CdR, entre os que se atopa o ditame sobre o futuro da acuicultura europea liderado por Galicia e aprobado o pasado mes de outubro.

Co obxectivo de facer un seguimento trala súa aprobación, Gamallo participou hai unha semana en Bruxelas no seminario “Acuicultura en Movemento” onde resaltou a necesidade de mellorar a competitividade do sector sen prexuízo do cumprimento das normas medioambientais de xeito que o seu crecemento teña o mínimo impacto nos ecosistemas circundantes. Precisamente en consonancia co solicitado no ditame, a Comisión Europea ven de publicar os resultados da consulta pública sobre o etiquetaxe ecolóxico na UE en produtos da pesca e acuicultura que se lanzou co obxectivo de obter o punto de vista do sector.

Discusión e aprobación de ditames

Neste último encontro do ano debatéronse e aprobáronse tres ditames de iniciativa. Especialmente relevante para Galicia foi o debate sobre a innovación e a modernización da economía rural, xurdido a raíz dun proxecto de ditame sobre esta materia. A estratexia Europa 2020 céntrase sobre todo nas cidades, deixando a un lado o potencial das zonas rurais, que representan o 91% do territorio da UE, o 60% da súa poboación e o 56% dos postos de traballo. Ademais, o rural resulta imprescindible para lograr unha maior cohesión territorial e un desenvolvemento sustentable. Por este motivo o CdR recomenda neste ditame medidas como trasladar o concepto das chamadas cidades intelixentes ás zonas rurais, apoiar o desenvolvemento e a innovación e fomentar una mellor oferta de formación profesional en zonas rurais. En canto ás medidas fronte o cambio demográfico, outro dos obxectivos debe ser intentar fixar a poboación no rural dentro dunha estratexia global sobre demografía.

Outro dos documentos debatidos céntrase no establecemento dun marco para a recompilación e xestión de datos no sector pesqueiro. Este ditame xurde en resposta a unha proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e o Consello para pedir a estas institucións que teñan en conta ás autoridades rexionais e locais nesta materia. A proposta é un paso fundamental para a recompilación fiable de datos que facilite unha avaliación máis precisa das poboacións e ecosistemas mariños.

O último debate da sesión centrouno un ditame sobre turismo adaptado ás persoas de idade, que pretende chamar a atención sobre a necesidade de cambiar a oferta turística de xeito que responda ás necesidades deste sector da poboación.

Os representantes rexionais e locais desta comisión discutiron tamén a posibilidade de elaborar un ditame de iniciativa sobre o desperdicio de alimentos. Esta proposta xurde do feito de que a seguridade alimentaria pode verse afectada polo contexto actual de cambio demográfico e climático, cambiando a forma na que se producen e consumen os alimentos. Tratándose da última reunión do ano, aprobouse tamén o programa de traballo da comisión NAT para 2016, que se centrará na Política Agraria Común (PAC) e o desenvolvemento rural, os asuntos marítimos e a pesca e nas políticas alimentarias e de saúde pública.

A Comisión NAT do Comité das Rexións europeo

Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural ou a pesca.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-11-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES