//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias turismo
A candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel acaba de superar o último trámite para poder someterse o próximo ano ao ditame definitivo da Unesco. Así o anunciou esta mañá en Chantada a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pouco despois de que lle comunicaran que o Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) acababa de darlle o visto bo por unanimidade ao expediente remitido pola Xunta hai un ano.
Expertos e expertas das tres universidades galegas están a traballar coa Xunta e o Clúster Turismo de Galicia nas bases do novo Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, co que o executivo autonómico pretende facer fronte á covid-19 e reactivar o sector turístico. Concretamente o Plan, presentado hoxe en Santiago de Compostela polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, busca recuperar a confianza dos viaxeiros a través dun modelo turístico sustentable e de calidade e que sitúe a Galicia ademais como un destino seguro que ofrece un turismo tranquilo e non masificado.
Galicia recibiu no mes de setembro 56.100 turistas estranxeiros, que representaron un 4,9% do total do turismo procedente doutros países que recibiu o noso país, segundo se recolle no último informe do INE sobre Movementos Turísticos en Fronteira (Frontur). A cifra supón unha contracción de case o 70% na chegada de turistas estranxeiros respecto a setembro de 2019 como consecuencia das limitacións de mobilidade producidas pola pandemia. A menor dependencia deste mercado fixo unha vez máis que o comportamento da demanda turística galega volvera ser mellor ca no conxunto de España.
O vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, trasladou hoxe ao Goberno central a solicitude de redución do IVE turístico ao 4% para axudar ao sector durante a pandemia. Alfonso Rueda, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou por videoconferencia na reunión de responsables da marca turística España Verde, no que están integrados os gobernos de Asturias, Cantabria e País Vasco, que xunto con Galicia, integran a marca España Verde, e onde está tamén Turespaña. A premisa da reunión é seguir traballando en proxectos conxuntos aproveitando o modelo turístico común entre estas rexións coa meta de reactivar o turismo do norte peninsular.
O turismo galego resistiu mellor o mes de setembro que o conxunto de España, cun diferencial positivo de 18 puntos nas pernoctacións, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, se en Galicia o descenso das noites en establecementos hoteleiros baixou un 60% respecto ao mesmo mes do ano pasado, na media nacional a baixada acadou o 78%. Galicia segue a conter a caída xeneralizada, ao igual que nos meses de xullo e agosto, nos que se situou 24 por debaixo que a nivel nacional. En canto á ocupación hoteleira, a influencia da covid-19 supuxo un descenso interanual de arredor de 27 puntos, pero en España a baixada foi 14 puntos superior ao caer máis dun 40%.
Un protocolo de colaboración entre a Xunta e o Goberno portugués permitirá afondar na colaboración entre estas dúas institucións no ámbito da programación do Xacobeo 2021 e a certificación dos camiños de Santiago no país veciño. Así se acordou na reunión telemática na que, por parte galega participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os membros da Comisión de Certificación dos Camiños de Santiago pola parte portuguesa. Na reunión tamén se tratou a situación do proceso de certificación dos Camiños de Santiago en Portugal na actualidade, así como a posibilidade de acadar acordos coas distintas entidades rexionais portuguesas dos territorios polos que pasa o Camiño de Santiago.
Galicia recibiu no mes de agosto medio milleiro de viaxeiros (532.867) que fixeron un total de 1,4 millóns de pernoitas, o que supuxo que a demanda de aloxamento en Galicia resistise mellor que a media española, cunha diferencia de 20 puntos mellor que o conxunto do Estado, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na comunidade situouse no 36,4% fronte ao 56,3% do conxunto do Estado. Estes datos destacan o bo traballo do sector turístico en Galicia nas circunstancias actuais marcadas pola covid-19.
Galicia contará con dous plans de sostibilidade turística para a Ribeira Sacra e Santiago de Compostela. Estes plans terán como fin promover accións de promoción nestes destinos e mellorar a súa competitividade. A decisión foi trasladada polo Goberno central ao vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, durante a reunión da Conferencia Sectorial de Turismo, á que tamén asistiron representantes do resto de comunidades autónomas e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Os Plans de sostibilidade turística foron unha das medidas acordadas o pasado xuño, na propia Conferencia Sectorial, para reactivar e dinamizar o sector.
A evolución do turismo en Galicia foi en xullo 22 puntos superior á media española, segundo se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na Comunidade foi do 51% fronte ao 73% do conxunto do Estado. Os establecementos hoteleiros galegos recibiron no sétimo mes do ano un total de 257.870 turistas, o que sitúa a Galicia como a quinta comunidade con maior volume. Estes viaxeiros realizaron preto de 600.000 pernoitas, en concreto 598.513. A nivel de mercado, o turismo de proximidade continúa a ter máis relevancia no turismo en Galicia, xa que o viaxeiro nacional gaña presencia fronte ao internacional, máis afectado polas restricións de mobilidade.
Dentro da actual situación post-COVID que estamos vivindo, tan importante como ofrecer recursos turísticos con grande valor e interese para os potenciais visitantes, é ofrecer tamén unhas garantías de seguridade adaptadas á nova normalidade. Neste senso está traballando a nosa comunidade, grazas ao esforzo e o compromiso do sector turístico, que conta ademais co apoio da Xunta a través de diversas medidas que procuran que este verán Galicia sexa un dos destinos turísticos con máis garantías.