RDG Comercializadora Galega de Enerxía venderá o 100% da enerxía a consumidores galegos, tanto particulares como empresas e industrias, sempre a un prezo máis barato que o prezo de mercado, que se poderán beneficiar dun desconto medio do 50% sobre o prezo do mercado no caso da veciñanza que vive próxima a infraestruturas de xeración renovable. No caso dos particulares, os primeiros beneficiarios destas condicións estarán nun radio próximo a onde estea instalado, por exemplo, un parque eólico, ou mesmo en concellos limítrofes. No que respecta ás empresas e industrias, o obxectivo é democratizar o acceso a un prezo eléctrico máis competitivo, para o cal a comercializadora ofrecerá contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) a todo tipo de empresas.
O mercado laboral de Galicia continúa na súa senda de crecemento e acada, con 120.992 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de setembro de toda a serie histórica (desde 1996). Ademais, a comunidade galega rexistra 1.085.846 persoas afiliadas, a cifra máis alta nun mes de setembro desde o ano 2008 e que aumenta en 14734 persoas en relación co mesmo mes do ano pasado. Na evolución anual tamén cae o paro nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e tamén en colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.